Volta á Galiza o galego que estivo bloqueado en Irán: “Interrogáronme en galego-portugués”
Alfonso Díaz ‘Foni’ afirma que foi “ben tratado”.
Alfonso Díaz ‘Foni’ atopou na final da súa viaxe a Irán co ataque de Israel ao país persa, o que alterou todo, tamén os seus plans de proseguir viaxe cara a Xeorxia. Agora, xa de volta á Galiza após ser repatriado nun avión desde Irán ao Estado español, compartiu nun programa da televisión pública estatal a súa experiencia destes días, que inclúe a súa retención pola Policía iraniana ao ser considerado sospeitoso de espionaxe.
“Eu estaba de viaxe de turismo, é un país e unha xente marabillosa”, afirma Díaz na entrevista. O ataque de Israel obrigouno a adiar o seu voo de volta desde a capital, Teherán. Por motivos da inseguridade do espazo aéreo, o cidadán galego ficou bloqueado no país. Volveu a un hotel onde era o único hóspede á espera da evolución dos acontecementos e ver como poder abandonar Irán.

Segundo relatou Alfonso Díaz na TVE, a petición doutra televisión gravou unhas imaxes nas rúas de Teherán, nun momento en que o país está en conflito con Israel, o que obrigou Teherán a extremar as medidas de seguridade.
Foi sorprendido por axentes cando realizaba esas gravacións, o que espertou as sospeitas das autoridades, que o procederon a detelo para interrogalo. Un interrogatorio que se prolongou durante sete horas. “Foi exhaustivo, exhaustivo”, sinala. “Tratáronme ben pero pola cabeza pasan moitas cousas”, afirmou.
O interrogatorio, ademais, e segundo afirma ‘Foni’, desenvolveuse en “galego-portugués” pois un dos axentes, dixo, sabía portugués. "Non sabían inglés e coincidiu así", indicou, engadindo que feitos como estes deben servir “para pór en valor o idioma da Galiza”.
Alfonso Díaz agradeceu a intervención do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que contactou con el e púxose en contacto coas autoridades españolas e realizou xestións para facilitar o seu retorno. Agradeceu o apoio de amizades e familia durante todos estes días.