A voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, embarcará na Flotilla da Liberdade

[Rumbo a Gaza]

A nacionalista subirá ao Marianne en Bueu e viaxará até Lisboa acompañada pola activista do Grupo de Ação Palestina, Ana da Palma e o xornalista de La Marea, Eduardo Muriel.

 

A ex-deputada do Parlamento Europeo e portavoz do BNG nesta institución, Ana Miranda, acompañará a Flotilla da Liberdade desde Galiza a Lisboa. Miranda embarcará o domingo 31 de maio no Marianne e percorrerá augas galegas e lusas xunto coa activista de Porto, Ana da Palma (Ação Palestina) e o xornalista de La Marea, Eduardo Muriel. 

En conversa con Sermos Galiza, Ana Miranda asegurou que o obxectivo é amosar a "solidariedade internacionalista" do pobo galego coa Palestina e, máis no concreto, coa poboación gazatí. 

"Rumbo a Gaza quere pór o foco en Gaza que continúa sen re-construír" após a ofesniva militar lanzada polo Estado de Israel no verán de 2014. Aliás, sinala Miranda, a Flotilla visa rachar co "bloqueo" que atinxe a Faixa dunha maneira tan simbólica como percorrendo o mar. "Os mariñeiros gazatís son dos principais afectados polo bloqueo pois viven asediados psicolóxica, emocional e militarmente" por Israel. Un feito, di, que "tamén queremos denunciar internacionalmente". 

A "impunidade" de Israel

A respeito do acontecido en 2010 cando a Armada israelita bombardeou a Flotilla nunha agresión na que foron asasinadas 10 persoas, Miranda asegura que "responderá igual" tendo en conta a "impunidade" coa que conta o Estado de Israel. "Con todo o que aconteceu o pasado ano" [en referencia á denominada Operación Alicerce Defensivo na que foron asasinadas máis de 2 mil persoas, a maior parte civís, na Faixa de Gaza] "é incríbel que non se lle exixa responsabilidade algunha a nivel internacional". 

A portavoz do BNG en Bruxelas asegurou sentirse "moi orgullosa" e "honrada" por facer parte da tripulación neste tramo da travesía e sinalou que "é o menos que podemos facer" en "solidariedade co pobo palestiniano".  

Imaxe capa: Delmi Álvarez