Formación

A vixencia da filosofía. Necesitamos pensar?

[Imaxe: cedida] Recollida de sinaturas na campaña Filosofía Si

“Je pense, donc je suis”, deixou escrito René Descartes no seu célebre Discours de la méthode. Unha formulación filosófica con antecedentes expresada no “cogito ergo sum” (penso, logo son). Ese pensamento é unha materia pendente na Galiza desde que a LOMCE lle restou presenza no currículo escolar. Porén, a Xunta de Galiza conta con marxe competencial para que a Historia da Filosofía gañe o terreo furtado. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 260.
 

Cada reforma educativa foi recortando a importancia da filosofía no currículo escolar. Recorte tras recorte, o momento crítico chegou coa LOMCE, a tan polémica lei impulsada polo PP, que reduciu de maneira substancial a presenza desta materia. Até o de entón, a ESO e Bacharelato contaban con Filosofía, Historia da Filosofía e Valores Éticos. Das tres, só a primeira ficou como obrigatoria en 1º de Bacharelato.

 

“Que importancia ten a filosofía a día de hoxe? É como se me preguntas se necesitamos pensar”, salienta, en declaracións a Sermos Galiza, Carme Adán, catedrática de Filosofía e profesora nun instituto de Vigo, “a filosofía dá ferramentas que axudan a ter criterio propio e isto é fundamental vendo o complexa que é a realidade”. “Nun mundo tan complexo é cando máis necesitamos cuestionar os feitos, debatelos...”, insiste.
 

[Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 260, á venda na loxa e nos quiosques habituais]