Vives perto dun encoro? Esta terza feira soan as sirenas de evacuación

Encoro dos Peares, entre Carballedo e Pantón (Foto: Nós Diario).

A Xunta da Galiza comezou na segunda feira a proba das sirenas de aviso á poboación adscritas aos encoros con Plan de emerxencia. Activáronse nove sinais acústicos ao longo da Galiza mentres que mañá serán 32 os afectados.

Augas da Galiza, organismo dependente da Xunta da Galiza, coa colaboración de Alcoa, Endesa, Iberdrola, PHG e Naturgy, deu hoxe a saída ás probas de activación das sirenas de alerta á poboación que reside en núcleos próximos aos encoros con Plan de emerxencia.

“Non afectan á actividade diaria dos veciños, pero nalgunhas zonas poden ser audíbeis”, informa o Goberno galego nun comunicado de prensa en que advirte de que “con esta revisión preténdese garantir a operatividade e que a poboación das zonas augas abaixo recoñeza o son”.

Na xornada de hoxe activáronse nove das 32 sirenas previstas e na terza feira continuarase coas restantes e tamén cos sinais de alerta adscritos ao depósito de lodos vermellos en Xove.

A importancia de recoñecer o son

Os obxectivos pasan por garantir a  operatividade dos sistemas e por que a poboación das zonas afectadas recoñeza o son da sirena de aviso de evacuación.

Hai precisamente un mes, o 20 de maio, soaban as alarmas do Plan de emerxencias de Eiras, o encoro que abastece o suroeste da Galiza, para probar o son ante posíbeis roturas ou desbordamento na presa. Uns sinais que se deixaron notar no concello de Soutomaior.

A Xunta informa de que na Galiza hai actualmente 45 plans de emerxencia de encoros aprobados.

As finalidades destas follas de ruta pasan por “ter definidas” as estratexias para facer fronte a situacións que comporten risco de rotura ou avaría grave, coñecer as zonas que quedarían anegadas en caso de desbordamento, e ter previstos os sistemas de aviso tanto á poboación, como aos organismos xestores de emerxencias.

 

Presas cuxa concesión explota Naturgy

9 horas: Vilgaduín (Tordoia)

9.30 horas: San Cosmade (Cerceda, Ordes)

10.45 horas: Portodemouros (Vila de Cruces, Arzúa)

11.15 horas: Brandariz (Touro, Vila de Cruces)

15 horas: Belesar (Chantada, O Saviñao, Carballedo e Pantón)

 

Presas das que é concesionaria Iberdrola

10 horas: Chandrexa (Chandrexa de Queixa)

10.05 horas: Guístolas (Trives, Ribas de Sil)

10.15 horas: Santa Eulalia (O Bolo, Petín, Ribas de Sil)

10.30 horas: Santo Estevo (Pantón, Sober)

10.40 horas: San Pedro (Pantón, Carballedo, Nogueira de Ramuín, A Peroxa, Coles, Pereiro de Aguiar, San Pedro

11 horas: San Martín (Quiroga, Ribas de Sil)

11.15 horas: Montefurado (Quiroga, Ribas de Sil, A Rúa, Petín)

11.30 horas: Sequeiros (Quiroga, Ribas de Sil)

11.45 horas: Casoio (Carballeda, O Barco)

12 horas: Pumares (Carballeda, O Barco)

12.15 horas: Cenza (Viana do Bolo, Vilariño de Conso)

12.30 horas: As Portas (Viana do Bolo, Vilariño de Conso)

12.45 horas: O Bao (Manzaneda, O Bolo, Petín, Ribas de Sil)

 

Presas das que é concesionaria Endesa

10 horas: Prada (A Veiga, O Bolo)

11 horas: Penarrubia (Rubiá)

12 horas: San Sebastián (Viana do Bolo, Vilariño de Conso)

 

Presa que explota PHG

10 horas: Touro (Vila de Cruces, Touro e Silleda)

 

Balsas de Alumina

11 horas: Riocobo e dique (Cervo, San Cibrao)

10 horas: Depósito de lodos (Xoves)