As vivendas de uso turístico aumentaron na Galiza en 300% en catro anos

(Foto: Europa Press)

Hai rexistradas máis de 15.000 vivendas de uso turístico (VUT) que supoñen máis de  81.000 prazas.

En outubro de 2019 había na Galiza 5.400 vivendas de uso turístico (VUT). Facíase daquela un ano da entrada en vigor do decreto que regulaba este tipo de vivendas no país e existía xa un debate sobre o impacto deste tipo de inmóbeis e a necesidade dunha maior regulación.

Desde entón a cifra de VUT aumentou en 285%, case triplicou. Só entre xullo de 2021 e o mesmo mes do presente ano o número destes pisos aumentou en 1.886, até chegar aos 15.391. Isto é, nestes doce meses, de media, cada cinco horas rexistrouse un novo piso para o uso turístico. 

En catro desas sete cidades —Compostela, Vigo, Pontevedra e Lugo— as prazas para aluguer vacacional superan as que hai en inmobiliarias para aluguer residencial.  As sete principais cidades galegas suman por volta de 3.000 destes inmóbeis, que fornecen máis de 13.000 prazas. 

A comarca do Salnés, con concellos como O Grove e Sanxenxo, foi sempre referente na oferta turística de apartamentos na Galiza, unha realidade que tamén queda reflectida nas estatísticas do INE, que constatan un forte incremento de vivendas turísticas no último ano. Sanxenxo sumou máis de medio cento (+61); O Grove 52, até as 412, e Poio 41, superando as 300 (312).

Significativos son tamén os crecementos na Costa da Morte, con Carnota e Fisterra á cabeza (258 e 205 vivendas turísticas, 22 e 20 máis, respectivamente), e na Mariña, a zona que máis viu aumentar a oferta deste tipo de inmóbeis nos últimos anos até rozar o milleiro. Destacan Foz, con 248 (24 máis que en 2020); Barreiros, con 188 (+19); Viveiro, con 187 (+35), e Ribadeo (182), con 23 pisos turísticos máis que en 2020.

O problema da vivenda

O aumento da oferta de aluguer  vacacional contrasta coa escaseza no aluguer residencial. A porcentaxe de vivenda pública en aluguer no total do Estado español é de 24% mentres que na Galiza esta porcentaxe cae por baixo do 4%. Así pois, a taxa de vivenda de protección destinada a alugueiro no Estado é seis veces maior que a da Galiza, cunha diferenza que supera os 20 puntos.