As vivendas turísticas chegan a Semana Santa case completas e co 50% xa reservado para verán

Dous turistas tiran unha foto na praza do Obradoiro en 2021. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
As vivendas turísticas das Rías Baixas chegan até o 90% de ocupación e considérase que, coas reservas de última hora, moitas zonas colgarán o cartel de 'completo'.

Se o tempo non desincentiva a chegada de viaxeiros, a Semana Santa de 2022 marcará na Galiza un punto de inflexión postpandemia que permitirá recuperar cifras de ocupación e actividade, moi mermada nos últimos dous anos polas consecuencias da crise da covid-19.

Aínda que todo o sector aplaude as previsións, hai unha tipoloxía, a das vivendas de uso turístico que, a tenor dos datos, leva a dianteira, e ten xa a vista posta no verán.

Mentres que os aloxamentos de índole xeral prevén para estes días unha pinza de ocupación que vai do 60 ao 80 por cento, as vivendas turísticas xa contaban a semana pasada co 80 por cento das súas prazas cubertas, cifras superiores nalgunha área e a previsión de colgar o cartel de 'completo' en moitos puntos da Galiza.

Pero esta "boa Semana Santa" en termos de turismo e ocupación é só o preámbulo do verán. A presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas de Galiza (Aviturga), Dulcinea Aguín, móstrase sorprendida pola antelación coa que os turistas fixeron este ano os seus reservas. En concreto, apunta, as vivendas turísticas galegas xa teñen reservadas, de media, o 50% das súas prazas para os meses de xullo e agosto, unha antelación que "non se produciu nunca antes", desde a creación da asociación. "Cremos que poden cumprirse datos históricos este verán", sentenciou.

 

 

De cara a Semana Santa, apunta Dulcinea Aguín, as reservas comezaron a chegar xa a finais de 2021. Actualmente, a media de ocupación prevista para os días festivos supera o 80% e é aínda máis elevada en zonas urbanas, Ribeira Sacra, interior de Lugo ou Viveiro.

As vivendas turísticas das Rías Baixas chegan até o 90% de ocupación e a entidade considera que, coas reservas de última hora, moitas zonas colgarán o cartel de 'completo'.

O perfil de viaxeiro é o do turista estatal ou de proximidade. Aínda que a ocupación é máis desde o Xoves Santo, moitos arrincaron xa as súas vacacións o pasado sábado e estenderanas unha semana completa, especialmente aquelas familias que viaxan con nenos.

 

 

A máis demandada, a Ribeira Sacra

En canto a datos xenéricos de aloxamento para Semana Santa, os datos do Clúster Turismo de Galiza e das distintas asociacións apuntan a unha pinza entre o 60 e o 80 por cento.

No entanto, todos coinciden en sinalar a Ribeira Sacra como unha das máis demandadas, con ocupacións previstas que se achegan ao 90 por cento para os festivos.

As comarcas próximas a Ourense son as  máis demandadas no ámbito do turismo rural. Así, mentres que a ocupación media das casas rurais para Semana Santa na Galiza está no 68,69 por cento, estas superan o 80 por cento, moi lonxe doutras áreas galegas, que se moven entre o 65 por cento e o 63 por cento.