Vivendas inundadas e até 100 vehículos afectados. O temporal deixa pegada en Vigo e Gondomar

Inundacións na localidade de Gondomar (Foto: Concello de Gondomar).
Os alcaldes de Vigo e Gondomar alertaron, en declaracións aos medios de comunicación, da delicada situación que viven os seus municipios por mor do temporal.

As fortes chuvias dos últimos días deixaron importantes desfeitas na área de Vigo, especialmente na cidade olívica así como na localidade de Gondomar.

Na súa rolda de prensa diaria, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou que o temporal causou esta pasada fin de semana máis de 70 incidencias na cidade olívica que foron atendidas polos servizos de emerxencias.

"Chovía sobre mollado. O pasado domingo, 25 de decembro, alcanzáronse os 100 litros por metro cadrado. Durante esta fin de semana houbo bolsas de auga en diferentes estradas e seis persoas tiveron que ser axudadas para poder saír dos seus vehículos", declarou.

Caballero tamén informou que o río Lagares chegou a niveis "altísimos" no seu caudal, a caída de dúas árbores en Vigo, a inundación de varios garaxes e unha vivenda.

A situación en Gondomar

Así mesmo, a localidade de Gondomar sufriu "graves inundacións" debido ás fortes chuvias dos últimos días que afectaron todas as parroquias deste municipio.

Segundo informou o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, a situación foi "moi comprometida". "Os danos foron de diversa índole. Asolagáronse garaxes e vivendas, moitos vehículos quedaron atrapados, inundáronse camiños de todas as parroquias e varios desprendementos. Foi un verdadeiro despropósito", comentou.

O mandatario local asegurou que as fortes chuvias e a crecida do río Miñor provocou que "rapidamente moitos vehículos quedasen atrapados sen dar tempo nin marxe de prevención".

Ferreira declarou que foi unha noite "complicada" no municipio. "Os servizos de emerxencia estaban baixo mínimos debido ás festas natalicias e iso complicou moito pór en marcha un dispositivo de emerxencia, pero a resposta foi moi significativa por parte de todos os efectivos aos que se deu aviso", sinalou.

Petición de zona catastrófica

"Congratúlanos que todo quedase en danos materiais e non se produciron danos materiais. Agora estamos a valorar todo isto, que non é fácil. Moitas dependencias municipais ficaron totalmente desfeitas polas chuvias e perto de 100 vehículos víronse afectados en zonas públicas", engadiu.

O Concello de Gondomar puxo en marcha esta segunda feira un protocolo de actuación e solicitará á Xunta da Galiza que a localidade sexa considerada zona catastrófica.

"Imos pedir ao Goberno galego que Gondomar sexa considerada zona catastrófica. Temos que traballar niso porque creo que o merece e os danos son cuantiosos", sentenciou Ferreira.