Opositores á Xunta alertan de que levan tres anos á espera de destino

Nun comunicado enviado aos medios de comunicación, opositores do proceso selectivo que tivo lugar para o ingreso no Corpo Auxiliar da Administración Xeral da Xunta da Galiza no subgrupo C2 lamentaron a "opacidade" deste proceso, asegurando que os mantén nunha situación de "vulnerabilidade e indefensión".
Exame da oposición decorrida en xullo en Compostela (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Exame da oposición decorrida en xullo en Compostela (Foto: Xunta da Galiza).

Opositores do proceso selectivo que tivo lugar para o ingreso no Corpo Auxiliar da Administración Xeral da Xunta da Galiza no subgrupo C2 criticaron o "incumprimento" de prazos por parte do Goberno galego despois de que pasasen xa tres anos desde a súa inscrición e aínda non se teñan resolvido os seus destinos.

Nun comunicado enviado aos medios de comunicación, lamentaron a "opacidade" deste proceso, asegurando que os mantén nunha situación de "vulnerabilidade e indefensión".

Tal como explican, o último exame da oposición tivo lugar a finais de setembro de 2021 e até outubro deste ano non se publicou a relación de aspirantes que superaron o proceso selectivo.

Á espera

"A partir desa data, o proceso está bloqueado sen ningún tipo de xustificación. Estamos a esperar a que se publique a lista coas 319 prazas de acceso libre e 13 de promoción interna para proceder á elección de destino e poder ser nomeados funcionarios en prácticas", indican.

Así, subliñan que a convocatoria estabelece que antes de ser nomeados como funcionarios de carreira teñen que superar un curso, "do cal non se sabe nada".

Ademais, destacan que nas distintas reunións mantidas entre Función Pública e sindicatos se estabelecron varias datas para finalizar o proceso selectivo que foron "sistematicamente incumpridas" por parte da Administración galega.

"Un proceso que debería estar finalizado"

"Exiximos a Dirección Xeral de Función Pública e ao seu director xeral, José María Barreiro, que se comprometa a estabelecer e cumprir un cronograma detallado e a non dilatar máis un proceso que debería estar finalizado", reivindicaron, engadindo que esas 332 prazas corresponden a 332 persoas que "están privadas da posibilidade de tomar decisións sobre as súas vidas, así como de desempeñar a súa vida laboral como funcionarios".

 Por todas estas razóns, anunciaron que en xaneiro convocarán mobilizacións.

Comentarios