Dez mil familias agardan en Galiza por unha vivenda de promoción pública

Imaxe: Laura R. Cuba,

O mercado do alugueiro está marcado no noso país pola “tensión” entre unha gran demanda e unha oferta reducida.

Perto de 10.000 familias aspiran a unha vivenda de promoción pública en Galiza. Son as que figuran no rexistro oficial da Xunta de demandantes de vivenda protexida. E a inmensa mayoría delas, por volta de 75% son para vivendas en alugueiro. Cambia así aquela dinámica de pre-crise de comprar, tanto no mercado da vivenda ‘libre’ como na protexida.

 

Porén, a oferta existente para atender esta demanda no alugueiro é escasa. O stock de pisos en aluguer é reducido e non axuda a moderar os prezos do arrendamento. Nos últimos anos pasaron de ser 8.000 pisos a apenas 5.000, segundo cálculos do sector. O mercado do arrendamento na Galiza móvese basicamente nuns sesenta concellos, que son os que conforman as AUF, Áreas Urbanas Funcionais, termo para definir unha cidade e os concellos que conforman o seu entorno funcional, concretamente de influencia laboral.

 

É nelas onde máis problemas hai para alugar a uns prezos que non afoguen a economía dos inquilinos. Todo isto, nun escenario onde as subvencións públicas a alugueiros sociais están moi por baixo da media europea (o Estado español destina unha media de 300 millóns de euros ao ano, Franza, 6.000).

 

A 8 euros o metro cadrado na Coruña, a 9 en Vigo ou a case 7 euros metro cadrado en Santiago ou Lugo, permitirse alugar unha vivenda nas cidades do país é unha tarefa heroica. Non poucos dados abondan nesa liña: os prezos de alugueiro chegaron a repuntar até 20% nas sete principais cidades do país, en zonas céntricas de Vigo en apenas dous anos aumentou en 40%, na Coruña o metro cadrado para arrendamento incrementou por riba de 5% en poucos meses e segue a subir... Que alugar unha vivenda sexa misión imposíbel ou prohibitiva non deixa de sorprender nun mercado, o galego, onde a opción maioritaria foi sempre mercar e a escolla de arrendar, minoritaria, podía facerse a uns prezos accesíbeis.