A vivenda e as infraestruturas, no foco da colaboración entre o Concello de Compostela e a USC

Goretti Sanmartín recibiu Antonio López no Pazo de Raxoi. (Foto: Concello de Compostela)

Concello e USC porán en marcha unha comisión técnica e un protocolo para abordar temas conxuntos

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, e o reitor da USC, Antonio López, mantiveron esta terza feira, 20 de xuño, un primeiro encontro para abordar as liñas de traballo que seguirán para a nova lexislatura, e que pasan pola constitución dunha comisión técnica conxunta e un protocolo que permita abordar as cuestións que implican a ambas as institucións, como a integración do alumnado e o uso de infraestruturas.

Após o encontro, Sanmartín apelou á necesidade de que entre ambas as institucións "se estabelezan sinerxías" e unha "comunicación fluída" que apostou por canalizar a través dunha comisión técnica "formada por persoal da propia universidade e do concello" para traballar nun protocolo de colaboración con propostas "estudadas tecnicamente", "realistas e factíbeis" para os próximos anos.

No outono, a alcaldesa confía en ter xa definido "cal vai ser este marco de colaboración xeral", no que se incluirán cuestións como a acollida á comunidade universitaria, "creando algún evento estábel para facelo", a integración dos estudantes na “vida da cidade" e o uso de infraestruturas, así como a transferencia de coñecementos. Entre as apostas do novo Goberno local está xerar "moitas sinerxías" entre a USC e a cidade "no que ten a ver coa transferencia de coñecemento", así como "buscar espazos e lugares para fomentar o emprego e a relación co mundo empresarial".

No ámbito da mobilidade, a alcaldesa mencionou un proxecto para unir o campus norte e sur "a través de rutas ciclábeis", coa posta en servizo de bicicletas eléctricas e convencionais á vez que se “aposta polo transporte colectivo en detrimento de uso do coche”.

Infraestruturas e vivenda

Paralelamente, USC e Concello tamén buscan "solucionar" o relacionado co estado das vías dos campus composteláns e a cuestión da titularidade, que ambas as partes se mostraron proclives a resolver de forma oficial, e o ámbito das residencias para estudantes. "Son temas que levan anos enriba da mesa", dixo Sanmartín, que confiou en que o traballo desa comisión consiga que non sexan "compromiso dun día" se non "unha realidade".

O reitor, Antonio López, pola súa banda, agradeceu esta primeira reunión institucional e puxo á USC ao dispor do Concello para "colaborar e traballar para facer cidade". Entre os elementos que trataron, López referiuse á cuestión das infraestruturas, non só no relativo ás rúas e estradas, se n ou "os equipamentos" das que dispón a USC e que están "encantados que sexan tamén utilizadas pola cidadanía".

"Compartimos a preocupación de que o coñecemento que se xere na universidade poida aproveitarse para ter máis impacto na contorna máis próxima", engadiu o reitor, que tamén se referiu á cuestión das vivendas para universitarios. Sobre este último tema, a alcaldesa dixo que se traballará desde o departamento de Urbanismo do Concello con opcións como unha empresa pública municipal de vivenda ou a dinamización de vivendas baleiras, aínda que aprazou a análise para manter un encontro coa Xunta, cuxa colaboración é "fundamental".

Para concluír, o reitor trasladou á alcaldesa que esta mesma segunda feira se asinou a escritura de venda do antigo Hospital de Galeras. "Desde ese punto de vista, está superada a primeira dificultade", dixo Antonio López, que confiou en que proximamente se inicien "os proxectos que teñen previstos para esta parcela". En relación a esta cuestión, Goretti Sanmartín apuntou que está "enriba da mesa algunha proposta" que "pode ter interese para a cidade", sobre todo no que se refire a "dotar de máis prazas de residencia" para a comunidade universitaria, aínda que aprazou calquera análise para estudar a cuestión cos servizos urbanísticos.