Viveiro, falto de persoal médico e de pediatría, sae á rúa para frear "a destrución da Atención Primaria"

Concentración fronte ao centro de saúde de Viveiro en defensa da Atención Primaria. (Foto: Nós Diario).
Unhas 3.000 persoas, segundo datos da organización, concentráronse este domingo fronte ao Centro de Saúde de Viveiro baixo o lema 'Paremos a destrución da Atención Primaria' ante a ausencia de "70% dos médicos" no consultorio local.

A Plataforma Sanitaria da Mariña impulsou esta mobilización xusto no primeiro aniversario doutra que hai xusto un ano reclamaba atención especializada para as crianzas baixo o lema 'Nin un só día sen pediatría'.

A loita por unha sanidade digna, vén de lonxe na Mariña e, nomeadamente en Viveiro, lembrou a voceira da plataforma, Montse Porteiro, onde unha área sanitaria arrebatada deixou a localidade "sen médicos de cabeceira, sen pediatras e sen enfermeiras", pero con máis carga de traballo que ameaza con "colapsar o sistema".

Viveiro "está a ser vítima dunha falta de médicos sumamente grave", porque "dos 10 facultativos que ten que haber, desde o 2 de novembro só hai tres".

Viveiro protesta ante falta de persoal médico e o desmantelamento da Atención Primaria. (Foto: Nós Diario).

Sanidade a medio gas

"Isto significa que máis do 70% dos médicos estaban ausentes. Iso obrigou ao persoal que quedaba a anular centos de citas de atención ordinaria para dedicarse á atención urxente, quedando moitos pacientes sen poder ser atendidos en seguimento, con patoloxías crónicas e no que xurdía", censurou.

Ademais, reprochou a continua falta de pediatras. A día de hoxe, detallou, Sanidade envía dous profesionais desde Lugo para pasar consulta, pero "cinco ou seis días ao mes".

A destrución da Atención Primaria na comarca

Con todo, estes profesionais teñen que atender tamén a poboación doutros municipios como O Vicedo ou Ourol. "Isto significa que se está destruíndo a atención primaria como eixo vertebrador", manifestou.

Representantes do BNG do Vicedo, en defensa da sanidade pública en Viveiro. (Foto: Nós Diario).

Reforzos

Así mesmo, criticou que dous días antes desta concentración, o Sergas avanzase que "vai cubrir con médicos por concurso de méritos e sen oposición todas as prazas de Viveiro de medicina de familia".

"Até agora, Sanidade esgrimía como motivo para non cubrir as prazas que non había médicos, agora hainos? Entón, por que tiveron á poboación así durante tanto tempo?", cuestionou.

A destrución da Atención Primaria na comarca está máis próxima, augurou, mais "non podemos resignarnos, é algo que non podemos permitir".

Críticas dos socialistas

O candidato socialista á Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, participou na concentración cada a outros memebros do seu partido e representantes políticos doustras formacións como o BNG. 

O líder socialista acusou á Xunta de "insolvencia" e de "falta de planificación" na xestión sanitaria. Criticou o "abandono" da sanidade pública por parte do PP e sinalou que "iso si que é romper Galiza", diferenciando entre os concellos que dispoñen de atención sanitaria e os que non.

Neste sentido, explicou que o 80% dos 67 municipios das comarcas de Lugo teñen baixas de médicos e 14 deles teñen risco de perder o servizo.

O líder socialista, José Ramón Gómez Besteiro, xunto a outros membros do PSdeG en Viveiro. (Foto: Nós Diario).

Próxima protesta, O vicedo

Montse Porteiro chamou a seguir coas reclamacións necesaria para devolverlle á Mariña maior autogoberno, unha xestión próxima que derivará tamén nunha sanidade digna, grauíta, dotada dos medios necesarios e apegada á veciñanza.

O vindeiro domingo haberá unha concentración no Vicedo, organizada polo tecido asociativo do municipio, para seguir coas reclamacións sanitarias na Mariña.