As vítimas de violencia machista manterán esa condición malia que o agresor for absolto

Un instante dunha das mobilizacións celebradas en Compostela o pasado 25 de novembro (Foto: Arxina).
Esta terza feira entra en vigor a reforma da Lei galega de violencia machista, que inclúe os delitos de violencia dixital.

O Goberno estatal e os seus homólogos territorios pactaron na Conferencia Sectorial de Igualdade decorrida en novembro un novo título para acreditar unha muller como vítima de violencia machista que inclúe aquelas cuxo agresor teña sido absolto. Así o reflicte o texto, publicado esta segunda feira no Boletín Oficial do Estado (BOE).

En consecuencia, poderán acollerse aos programas de vítimas de violencia machista as mulleres que estean valorando denunciar, as vítimas cuxo procedemento xudicial fose arquivado ou sobresido, as que interpuxeron unha denuncia mentres o xuízo está en curso ou aquelas con sentenza condenatoria firme ou con penas xa extinguidas por prescrición, morte do acusado, cumprimento da condena ou orde de protección que ficase inactiva, así como por sentenza absolutoria ou calquera outra causa que "non declare probada a existencia da violencia".

Agora corresponde aos gobernos territoriais, que son os encargados de realizar a valoración previa á acreditación das vítimas, aplicar a nova norma en función de cadanseus recursos e lexislación.

Caen as denuncias no país

Por outra banda, segundo datos ofrecidos esta segunda feira polo Observatorio contra a violencia machista do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), os xulgados galegos rexistraron un total de 1.620 denuncias por esta causa no terceiro trimestre de 2021, isto é, 8,3% menos que no mesmo momento do ano precedente, condicionado polas restricións sociosanitarias derivadas da pandemia.

Esta cifra contrasta coa tendencia do conxunto do Estado, que experimenta neste período unha suba de 5,2%. De feito, a Galiza é o segundo territorio, após Nafarroa, coa taxa de violencia machista máis baixa —11,4 vítimas por cada 10.000 mulleres—. A media estatal é de 18,2 casos.

Mais voltando á Galiza, a meirande parte das denuncias presentadas —81,8%— chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da propia vítima. Cómpre salientar, neste senso, que os casos de vítimas que se acollen á dispensa para non declarar descenderon en 64% a respecto de 2020. Así, só optaron por esta opción 131 mulleres, fronte ás 364 que o fixeran o pasado ano.

No que atinxe ás sentenzas, no terceiro trimestre de 2021 emitíronse 478 —unha máis que no mesmo período de 2020—, das cales 81,4% foron condenatorias.

En vigor a nova lei de violencia dixital

Así as cousas, esta terza feira entra en vigor a reforma da Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia machista, un texto aprobado por unanimidade o pasado 23 de novembro no Parlamento da Galiza.

A nova lexislación considera violencia machista a "usurpación da identidade da vítima ou a creación de perfís falsos para desprestixiala", así como "usar o correo electrónico da vítima en sitios web para estigmatizala ou ridiculizala, acceder dixitalmente ao ordenador para controlar as súas comunicacións ou controlar o dispositivo móbil".

Deste modo, a Galiza pasa a recoñecer como violencia machista o ciberacoso, a 'sextorsión', o grooming, a usurpación de identidade, chaves ou contrasinais, o sexting ou a 'pornovinganza', prácticas que están a medrar entre a mocidade.