As vítimas do amianto na Galiza urxen a creación do fondo estatal de compensación

Vítimas do amianto exixiron ás portas de Navantia a creación dun fondo de indemnizacións (Foto: Rober Amado).
O comité de empresa de Navantia en Fene e Ferrol sumouse onte á cadea de mobilizacións convocadas en todo o Estado para reclamar a creación do fondo de compensación para as vítimas do amianto. 

A reivindicación dun fondo de indemnización chegou por primeira vez ao Congreso dos Deputados en 2016, procedente da Cámara vasca, mais as sucesivas disolucións anticipadas das Cortes adiaron a súa tramitación.

En abril deste ano, todas as formacións políticas do Congreso, a excepción de Vox, deron luz verde á tramitación da proposición de lei presentada polo Parlamento vasco para impulsar ese fondo estatal de compensación ás vítimas do amianto, un material de construción prohibido desde decembro de 2001 que en todo o Estado provocou desde 1999 a morte dunhas 7.000 persoas traballadoras.

Son as cifras oficiais, pero a mortalidade derivada do asbesto estímase moi superior. Aínda hoxe, dúas décadas despois do seu veto definitivo, non todos os operarios que mantiveron durante anos unha exposición prolongada a este material canceríxeno lograron o recoñecemento dunha doenza profesional que na Galiza afecta unhas 17.000 persoas do naval, da construción e mesmo do ámbito ferroviario ou militar.

Anos de demoras

"Estamos nun momento crucial para facerlle ver ao Goberno do Estado que ten que acelerar o trámite da proposición de lei que prevé a creación do fondo de compensación para as vítimas do amianto", sinala a Nós Diario Xoan Xosé Pita, presidente de Agavida, a Asociación Galega de Vítimas do Amianto.

"Levamos moito tempo de atraso e vemos que a tramitación da lei non arranca". Esta tardanza impulsou a unión de colectivos de vítimas de todos os territorios, que se concentraron no Congreso e diante das empresas que máis contacto tiveron co amianto e máis comprometeron a saúde dos seus traballadores e das súas familias.

Na Galiza, a protesta convocada polo comité de Navantia tivo lugar diante da porta do estaleiro en Ferrol e contou co apoio das principais centrais sindicais mais do comité intercentros de Navantia que conecta a actividade na comarca de Ferrolterra coa de Cartaxena e Cádiz. 

A mobilización de vítimas e colectivos afectados polo amianto serviu, ademais, para denunciar a burocracia e as demoras que padecen desde hai anos no ámbito da sanidade e tamén no xudicial.

"Día a día seguimos atopando trabas e demoras nas revisións médicas dos afectados; atrasos nas resolucións da Seguridade Social, encargada de facer o recoñecemento das incapacidades e tamén os recargos das prestación, e grandes dilacións nos xulgados", detalla Xoan Xosé Pita, até o punto de que moitos xuízos chegan a fixarse cando a vítima xa faleceu.

Entre 1999 até 2018, na Galiza morreron a causa de mesoteliomas malignos unhas 400 persoas, unha enfermidade que nalgúns territorios aínda seguen a atribuír ao tabaco. "Seguen sen recoñecer que o verdadeiro causante deste cancro é o amianto", un material moi rendíbel para a industria polas súas propiedades e o seu baixo custo, comercializado por Uralita e perigosos en todas as súas variedades: azul, marrón e branco. O risco está na inhalación das fibras máis pequenas, invisíbeis pero potencialmente letais.

Indemnización sen necesidade de proba

O fondo de compensación para vítimas do asbesto busca recoñecer indemnizacións ás persoas afectadas como un acceso obxectivo a estas prestacións. "Agora mesmo, para que te atendan e che recoñezan a enfermidade profesional tes que demostrar que a túa doenza se debe á exposición ao amianto e que a empresa na que traballabas emprega ese material". Todo o esforzo corresponde ás vítimas.

"Moitas atópanse con que as súas empresas desapareceron, polo tanto non teñen a quen reclamar". Outras continúan a negar que utilizasen amianto de forma habitual. O fondo estatal, inspirado no modelo de compensación francés, "viría a suprimir todas as trabas coas que se atopan agora as vítimas que deciden emprender unha loita particular por ver recoñecida a súa doenza profesional" e a vulnerabilidade asociada.