As vítimas do Alvia reúnense cunha comisaria europea “frustrada” ante a pasividade do Estado español

Imaxe: Felipe Carnotto

Un grupo de vítimas do accidente de Angrois visitan Bruxelas procurando que a UE exerza presión para unha investigación independente

Esta terza feira, unha delegación da asociación de vítimas do Alvia 04155 acudiu ao edificio Berlaymont da Comisión Europea en Bruxelas para se reunir coa comisaria de transportes Violeta Bulc. Durante o encontro a porta pechada -impulsado pola eurodeputada polo BNG, Ana Miranda-, a política europea expresou en reiteradas ocasións ás vítimas a súa “frustración” ante a falta dunha investigación independente por parte do Estado español.

 

O portavoz da plataforma de víctimas, Arturo Domínguez, sinalou en declaracións á prensa que saíran do encontro cunha “sensación ambigua”. “Pensamos que ir a Europa significaba que se iría ao fondo da cuestión e non, hai unha cuestión legal e, segundo a comisaria, non se pode forzar un Estado membro a que investigue”, explicou Domínguez, cuxa frustración era tamén partillada polo resto do grupo.

 

“Vímola persoalmente afectada e temos o seu compromiso de que falará e presionará o ministro de Fomento para que isto se investigue de xeito independente”, engadiu. Isto será na vindeira terza feira 10 de xullo, cando a comisaria Bulc visitará o ministro de Fomento, José Luís Ábalos, en Madrid. “Sentímonos avasallados polos procedementos formais que evitan descubrir a verdade dun accidente que deixou 80 vítimas, é vergoñento e non me estraña que a comisaria se sinta frustrada, imaxínense nós”, declarou o tamén membro da asociación Javier Municio, quen declara que só procuran que “as autoridades e institucións asuman as súas responsabilidades”.

Con todo, a responsábel europea de transportes avanzou á comitiva que nas próximas semanas será feito público un informe da ERA –Asociación Ferroviaria Europea– que debulla a seguridade das liñas ferroviarias españolas, con atención tamén ás de alta velocidade na Galiza e, en concreto, á curva de Angrois. Este documento, que fora solicitado pola Comisión á autoridade ferroviaria, sería o terceiro emitido pola entidade poñendo ao nú o seguimento do regulamento por parte do Estado español. Segundo impresións das vítimas e da propia Ana Miranda, o texto podería probar o incumprimento da normativa relativa á evaluación de riscos e, en consecuencia, rematar por provocar a apertura dun procedemento de infracción.

 

Isto ten lugar unha semana despois de que, após meses de demoras, a Audiencia Provincial da Coruña recibira un segundo informe da ERA no que constan os feitos que proban a ausencia de evaluación de riscosno tramo siniestrado. Deste texto, as vítimas sinalaron a Bulc a mudanza de proxecto no ano 2010, a eliminación do sistema ARTMS embarcado e na vía -antes da curva de Angrois- e a desestimación do aviso do xefe de maquinistas a conta da perigosidade do tramo. “Era unha traxedia evitábel e, se se tivese cumprido a normativa, isto non tería acontecido”, concluíu Domínguez.

 

Previo a este xa existira un primeiro dossier en xullo de 2016 no que a propia Unión Europea confirma que a CIAF–entidade encargada de levar a cabo a investigación sobre o accidente de Angrois– non pode ser considerado un organismo independente, tese xa sostida durante a instrucción xudicial pola Audiencia Provincial da Coruña.

 

Unha dobre denuncia que podería supoñer sancións

 

A eurodeputada polo BNG Ana Miranda, que xa presentara unha denuncia ante o propio Parlamento Europeo pola falta de evaluación de riscos, amosábase esperanzada a respecto deste terceiro informe da ERA. “Dependendo do que diga, a Comisión Europea decidirá se abrir un procedemento de infracción por normativa de incumprimento de riscos polo regulamento de 2008, o cal require facer un informe ISA que non consta na curva de Angrois”, explica. Este escenario contemplaría un procedemento que a Comisión realizaría de oficio, o que se sumaría á denuncia de parte xa apresentada pola eurodeputada galega. “A presión é dobre, e imos ir até o final, non nos imos rendir”, afirma.

 

Máis denuncias polas infraestruturas galegas

 

A portavoz da fronte nacionalista, Ana Pontón, tamén asistiu á xornada e quixo agradecer “o labor encomiábel” das vítimas fronte á “falta de altura dos gobernos tanto galego como estatal”, que logo de cinco anos “están a facer imposible saber o que pasou” no sinistro do 24 de xullo de 2013. A política reafirmou o compromiso do BNG á hora de “seguir loitando” e  incidiu na convicción que existe desde as institucións europeas de que non houbo unha investigación independente como marca a normativa. “Se esa comisión independente non se fai é porque hai unha interferencia política que quere pechar esa posibilidade nese ámbito”, puntualizou.

 

Pontón tamén asistiu á sede da Comisión Europea para reunirse co coordenador do Corredor Atlántico, Carlos Secchi, e máis coa responsábel na Comisión Europea desta vía, Isabelle Maës. Acompañada de Miranda, a portavoz revisou canda estes políticos o informe das Rías na comisión de Peticións do Parlamento Europeo. A respecto do encontro, ambas políticas declararon ante a prensa que as propostas aínda non están “consolidadas” e fixeron fincapé en continuar a “facer presión” á Comisión para o financiamento e a ampliación destas. Concretamente, a portavoz trouxo á tona a proposta de incluír o porto seco de Monforte no corredor transeuropeo. Por último, tamén fixo mención ao caso da ría do Burgo, que acumula xa máis de 300.000 metros cúbicos de lodos coas súas consecuentes ameazas económicas e medioambientais. “A pesares das promesas, o proceso de rexeneración segue sen contar co dragado que nunca se acaba de materializar”, concluíu.