Vítimas do Alvia recorrerán o auto xudicial

Apelan á súa "indefensión" e mobilizaranse esta sexta feira nos Xulgados de Compostela. 

 

As dúas plataformas que congregan as vítimas e familiares do sinistro de Angrois (Plataforma Vítimas Alvia 04155 e a Asociación de Prexudicados polo Accidente Ferroviario do Alvia de Santiago) mobilizaranse mañá (9 de outubro) ás 11h perante os Xulgados de Fontiñas, Compostela, para amosar o seu rexeitamento ao auto xudicial que fecha a instrución do caso e fixa como único imputado o maquinista do comboio. 

Ambos os dous colectivos anunciaron aliás, que recorrerán o auto alegando a súa "indefensión" após desestimar o xuíz instutor diversas probas que lle pedían e fechar "en falso" a investigación. 

Neste senso, amosan a súa indignación e curiosidade polo feito de que a instrución se dea por rematada coinicidindo coa estrea no Festival de cinema de Valladolid do documental 'Frankenstein-04155' no que desmontan a tese oficial do sinistro coa axuda de enxeñeiros e expertos ferroviarios. 

"Estamos indignadísimos", dixo unha das vítimas Teresa Gómez-Limón, ex-deputada da Asemblea de Madrid.