As vítimas do Alvia piden que se impute a tres cargos máis do Adif

Un guindastre transporta un dos vagóns do Alvia sinistrados [Foto: O.R.]

As vítimas da maior catástrofe terrestre da historia moderna da Galiza queren xustiza. Piden que se investigue a tres cargos máis do ADIF, isto é, que a imputación non se reduza ao maquinista e ao director de seguranza na circulación da empresa estatal que xestiona os camiños de ferro, Andrés Cortabitarte.

No actual curso das investigacións, o xuíz imputa ao maquinista Francisco Garzón e ao director de seguranza na circulación do ADIF a responsabilidade dun sinistro que causou a morte a 80 persoas e feridas a outras 144.

A imputación é por un delito de imprudencia profisional grave, ao maquinista por atender indebidamente unha chamada telefónica (do interventor), o que o levou a se despistar e a perder o control do Alvia, e ao director de seguranza por non ter garantido en tempo e forma a existencia dunha análise de riscos integral na infraestrutura.

A plataforma de vítimas do Alvia considera que as responsabilidades van alén destas dúas persoas e piden ao xuíz, através dun escrito ao que tivo acceso Europa Press, que se investigue tamén outros tres cargos do ADIF: Manuel Besteiro Galindo, tamén director de seguranza; Fernando Rebón Sartal, xerente da área de seguranza na circulación noroeste; e José Antonio García Díez, chefe de inspección da xerencia da área de seguranza na circulación noroeste.

Alén destas persoas, a plataforma demanda ao xuíz que cite como testemuñas cinco responsábeis de Renfe que tomaron parte nunha reunión na que se abordou o aviso do chefe de maquinistas sobre os perigos que encerraba a curva de A Grandeira, na que se acabaría producindo o sinistro. A xuntanza tivo lugar pouco despois da inauguración da liña de alta velocidade entre Ourense e Santiago.

As vítimas consideran que o Estado si dispuña de elementos de xuízo suficientes para reparar na existencia dun grave risco en A Grandeira e que, consecuentemente, existe responsabilidade ao non ter disposto os medios -en concreto, o sistema de freado automático ERTMS- que tería evitado que un erro humano desencadease a catástrofe.

Identicamente, as vítimas piden ao xuíz que tome declaración a 17 membros do ADIF que participaron nunha outra reunión na que se debateu a oportunidade de evitar os saltos de velocidade no traxecto no que se produciu o sinistro, tendo en conta que moi pouco antes de entrar en Compostela o Alvia tiña que desacelerar en moi escaso lapso de tempo dos 200 aos 80 quilómetros por hora.