As vítimas de Angrois esixen cesamentos cinco anos despois do accidente

Manifestación das vítimas do Alvia en Compostela, esta terza feira 24 de xullo. Foto: Laura R. Cuba.

Unha manifestación con centos de persoas percorreu esta mañá as rúas de Santiago de Compostela. Encabezábana vítimas e familiares de vítimas do accidente ferroviario de Angrois. “É hora de que comece a haber dimisións e cesamentos”, esixiu o portavoz da plataforma, Jesús Domínguez.
 

A marcha partiu da estacoión de tren e rematou no Obradoiro. A ela sumáronse destacados membros do BNG -a maior parte do grupo parlamentario, incluída a portavoz Ana Pontón- e de En Marea -entre eles o seu portavoz, Luís Villares. Non houbo representación do PP nin do PSdeG -as vítimas afeáronllo a través das redes sociais.

 

Hai cinco anos que o sinistro do Alvia na curva de Angrois (Compostela) causou 81 mortos e máis de 140 feridos. A faixa da plataforma esixía “verdade, xustiza e responsabilidades políticas” a PSOE, PP, Adif e Renfe.

 

A comisión de investigación no congreso dos Deputados iniciou os seus labores hai dúas semanas. Por ela xa pasaron o maquinista -a quen os gobernos intentan cargar coa exclusiva culpa do sinistro- ou o portavoz da plataforma de vitimas Jesús Domínguez. Despois do verán comparecerán os ex ministros de Fomento José Blanco, do PSOE, e Ana Pastor, do PP.

 

En paralelo, sete persoas están sendo investigadas xudicialmente: o maquinista, dous cargos de Adif, un de Renfe e tres técnicos.