10 anos do accidente do Alvia

Décimo aniversario: vítimas do Alvia volven exixir xustiza en Santiago e simbolizan con maletas os falecidos no accidente

Protesta das vítimas do Alvia na estación de Santiago. (Foto: Nós Diario)
"Non están esquecidos, están moi presentes, investigación independente", corearon os manifestantes, moi críticos co fiscal do xuízo do Alvia por exculpar Andrés Cortabitarte, de Adif.

Varias decenas de vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido en xullo de 2013 en Angrois concéntranse en Santiago esta segunda feira, cando fai dez anos a traxedia na que perderon a vida 80 persoas e outras 145 resultaron feridas. Na estación de tren, desde a que parte unha manifestación para reclamar xustiza un ano máis, nesta ocasión os afectados e os seus familiares situaron un grupo de maletas fronte á terminal ferroviaria da capital galega coas que simbolizan a quen morreron nas vías.

Na súa marcha reclamaron "xustiza" e cualificaron o fiscal do xuízo de "vendido", após retirar a acusación inicial contra o ex director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, á vez que corearon consignas como "Non están esquecidos, están moi presentes, investigación independente", ou "Pastor, Blanco, responsábeis para cando", en alusión aos ex ministros de Fomento Ana Pastor (PP) e José Blanco (PSOE).

En declaracións aos medios de comunicación, o portavoz da plataforma de vítimas, Jesús Domínguez, cargou contra "a razón de Estado" que cren que está detrás, entre outras cuestións, do cambio de postura do fiscal no proceso penal, Mario Piñeiro.

Na recta final da vista oral, o representante do Ministerio Público retirou a súa acusación contra Cortabitarte e a petición de catro anos de prisión, de modo que só a mantén contra o maquinista, Francisco Garzón, por 80 delitos de homicidio e 145 de lesións por imprudencia profesional grave.

As acusacións populares —que exercen a plataforma e a outra asociación de prexudicados— e as particulares manteñen os seus cargos contra ambos os procesados, nun xuízo cuxa finalización está prevista pola titular do xulgado do penal número 2 de Santiago para esta quinta feira.