Xuízo do Alvia

"É imprescindíbel que saia toda a verdade para reparar tanto sufrimento"

Andrés Cortabitarte, á súa saída da Cidade da Cultura no inicio do xuízo polo accidente do Alvia. (Foto: Arxina)
As vítimas do accidente do Alvia encaran o inicio da fase de responsabilidade civil do xuízo con "moitas cuestións claras", como que, "alén do maquinista, sempre ten que haber unha segunda barreira de protección".

A plataforma de vítimas do tren Alvia advirte que "é imprescindíbel" que "saia toda a verdade" a relucir no xuízo polo accidente de 2013, no que morreron 80 persoas e 140 resultaron feridas, para "reparar tanto sufrimento". Na véspera de que comece a quenda para vítimas e familiares, na parte para determinar as responsabilidades civís da traxedia, a asociación ve "claras" algunhas cuestións, unha vez xa rematada a fase de responsabilidade penal.

A través dun comunicado de prensa, apuntan que, "alén do maquinista, sempre ten que haber unha segunda barreira de protección", que "non había sinalización lateral que indicase a limitación de velocidade" e que "Adif non realizou a análise de riscos preceptivo da curva e por tanto non o mitigou —un risco do que xa alertou por escrito un xefe de maquinistas na súa primeira viaxe—".

"Neste sentido coincidiron ademais de varios peritos de parte, o único perito xudicial que saíu por sorteo, o señor [César] Mariñas e o ex director de Seguridade da Axencia Ferroviaria Europea, o señor [Christopher] Carr", destaca. Nas análises de riscos, entre outras cousas, "hai que ter en conta e aprender dos accidentes que tiveron lugar anteriormente", engaden.

"Aterrador e indignante"

En relación a isto, a plataforma considera "aterrador e indignante ouvir as declaracións que en 2016 fixo na súa comparecencia nas Cortes valencianas o señor Cortabitarte, actualmente sentado no banco e que foi o perito xudicial do metro de Valencia, polo que cobrou 230.000 euros".

Sobre esta cuestión, lembran que dixo que "o labor do perito é unicamente estabelecer as causas e as recomendacións suficientes para que iso non volva ocorrer". "Aprendemos diso, se non, seriamos uns burros [...] Hai que ser moi cafre se temos constancia de que temos algún tipo de risco non poñamos as medidas suficientes para mitigalo", sinalou.

"Lamentabelmente, tanto peritos como testemuñas deixaron claro que había non unha, senón varias formas moi fáciles de protexer a curva ao alcance de Adif para mitigar o posíbel erro humano", avisan as vítimas. Censuran tamén "volver comprobar unha vez máis que tanto Adif como a avogacía do Estado, representada por Javier Suárez García e Adela Álvarez Caramés, ocultaron documentos e achegaron outros que lles son favorábeis aínda que non estivesen en vigor".

Esta terza feira, día 14, comezarán a determinarse as responsabilidades civís "para a reparación", inciden. "Pero como sempre mantivemos ao longo destes anos, é imprescindíbel que saia toda a verdade e que se faga xustiza; será a única forma de 'reparar' nalgunha medida tanto sufrimento e de pór as bases para que unha traxedia tan grave non volva suceder", conclúen.