Xuízo do Alvia

"A sensación de pánico é tan forte que non se vai durante anos"

Accidente ferroviario de Angrois, en xullo de 2013. (Foto: Europa Press)
Prosegue a rolda de declaracións das vítimas e familiares de falecidos no sinistro do tren Alvia de 2013. Un sobrevivente conta que, pouco antes do descarrilamento, moita xente comezou a erguerse. "Estou hoxe aquí porque eu non me levantei", afirma.

Un viaxeiro que perdeu a súa muller no accidente do tren Alvia, hai xa case dez anos no barrio compostelán de Angrois, denunciou o proceso de "segunda vitimización" que sofren os sobreviventes debido ao trato que lles dan as institucións españolas. Na súa declaración no xuízo polo sinistro ferroviario da curva da Grandeira, este home, cuxa esposa é unha das 80 vítimas mortais do accidente, apelou ao estatuto da vítima do delito, do ano 2015.

"Para que non se nos sigan facendo vitimización secundaria como está a suceder, polo que se nos tratou polas organizacións estatais", afirmou, ante o malestar da xuíza, que, con todo, deixou que introducise estas ideas á marxe da súa reclamación civil, que é a fase que afronta nestes momentos o proceso xudicial, após a acción penal—.

A testemuña criticou a "ocultación de documentos" por parte de entidades como Adif e lamentou que as propias vítimas tiveron que "botarse á rúa" para manifestarse e pedir "axuda" para que se soubese a verdade sobre as causas da traxedia. Na fase de instrución, a investigación fechou co maquinista, Francisco Garzón, como único imputado, cuestión que mudou após un auto da Audiencia Provincial da Coruña que apuntou á eventual responsabilidade do ex director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte.

Todo isto chegou no medio da presión que desde poucos meses despois do accidente exerceu a plataforma de vítimas, con protestas e reunións ante as autoridades europeas, entre outras instancias. Por iso, este individuo aproveitou a súa comparecencia para subliñar que agora, desde 2015, "está lexislado" que existe "un dano moral", que afirmou sufrir, aínda que afeou que "polo visto non se chega a empregar para as vítimas" deste sinistro. Neste extremo, citou o documental que se gravou co impulso da plataforma de vítimas e cuestionou que "non se admitiu na causa", ante o que a xuíza pediu "un pouco de respecto".

"Saín pedindo perdón aos que quedaban no tren"

Esta terza feira, entre outras testemuñas, afectados en primeira persoa ou familiares de vítimas, compareceu un sobrevivente que relatou como puido saír polo seu propio pé do tren. El notou "perfectamente" que algo pasaba uns minutos antes do descarrilamento. Canda o seu acompañante, decidiron non levantarse como si facía "toda a xente" debido á proximidade da estación de Santiago. "E eu estou aquí hoxe porque non me levantei. Ou iso creo", aseverou.

A continuación, narrou como o asaltou o "pánico", debido á situación dentro do vagón. A sensación de perigo "é tan forte", segundo advertiu, que "non se vai durante anos". "Primeiro penso que me vou asfixiar, de feito nos días seguintes mesmo me custaba beber un vaso de auga, do axitado que estaba o meu corpo", proseguiu.

Após axudar un home e o seu acompañante, saíu do tren "pedindo perdón á xente que queda alí". "Como non sei axudar a esa xente e non me atrevo nin sequera a mirar, o único que consigo facer é mirar cara a adiante, procurar non pisar o que non quero pisar e pedir perdón", indicou.

"I have so much to say"

Máis breve do esperado foi a intervención doutro dos sobreviventes cuxa muller morreu catro días despois do accidente da Grandeira. "I have so much to say", púidose escoitar na sala, xusto antes de que se cortase a conexión por videoconferencia.

Previamente, este home, que compareceu xunto ás súas fillas, lembrou que saíu "disparado" do seu asento cando descarrilou o Alvia. "E desgraciadamente a miña esposa, que estaba pegada á xanela, á medida que o vagón virou dun lado, caeulle todo enriba, ademais de a outros pasaxeiros", rememorou.