Visto para sentenza o xuízo de Rafel Pillado contra Navantia pola exposición de traballadores a amianto

Xulgado de Ferrol no que decorreu o xuízo. (Foto: Europa Press)
A empresa non se presentou na vista xudicial.

Un xulgado de Ferrol deixou visto para sentenza o xuízo desenvolto esta terza feira no que un ex traballador da antiga Bazán, hoxe Navantia, Rafael Pillado, reclama 370.000 euros á empresa naval pública pola exposición ao amianto durante a súa vida laboral nos estaleiros de Ferrol.

O que fose un dos fundadores de CCOO na Galiza, militante do PCE e tamén un dos represaliados polas folgas do 10 de marzo de 1972, estivo representado polo letrado Jesús Porta e acompañado pola avogada Cristina Almeida, nunha vista xudicial na que a empresa non se presentou.

Minutos antes de iniciarse o xuízo, sobre un centenar de persoas concentráronse á entrada dos xulgados de Ferrol para apoiar a Pillado, seguindo o chamamento realizado por Asociación Galega de Vítimas do Amianto (Agavida) e das asociacións culturais Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática.

Despois de anunciar en febreiro deste ano que sofre un cancro irreversíbel polo contacto directo durante anos co amianto, Pillado asegurou que chegaría até o final para emprender accións legais contra a dirección de Navantia.

Declaracións antes da vista

En declaracións aos medios de comunicación antes de entrar a sede xudicial, o sindicalista detallou que "esta é unha reclamación individual que ten que ter carácter colectivo, en defensa de todas as persoas que poden estar afectadas polo amianto".

En canto á reclamación económica, detallou que con ela busca que "as empresas teñan conciencia do dano que sofren os traballadores", ao tempo que lembrou o tipo de cancro que lle foi diagnosticado e  que afecta os seus pulmóns.

Desde entón, asegurou, sofre "problemas para realizar algunhas actividades, para respirar e falta de apetito", e estimou que as persoas afectadas polo contacto co amianto na comarca de Ferrolterra, derivada da súa utilización nos estaleiros até que se prohibiu, poden superar as 16.000.