O violento incendio que azouta a parroquia de Maceira, en Lalín, estabilizado tras arrasar 70 hectáreas
Un violento incendio azoutou esta cuarta feira a parroquia de Maceira, no municipio de Lalín (O Deza), segundo fontes dos bombeiros forestais. Ademais, trátase dunha zona próxima a núcleos de poboación e na que tamén son numerosas as explotacións agrogandeiras.
ESTÁ A PASAR | Un violento incendio azouta o lugar de Val de Boi, en Lalín, perto dun núcleo de poboación e explotacións agrogandeiras
— Nós Diario (@NosDiario) July 16, 2025
🔥 MÁIS INFO NA LIGAZÓN 👇https://t.co/MrejvEueYG pic.twitter.com/TAS9UsFpob
O incendio, rexistrado ás 13.07 horas da tarde, foi estabilizado ás 19.44 horas e a superficie afectada xa ascendía ás 70 hectáreas. Segundo informou a Consellaría do Medio Rural, na súa extinción traballan tres técnicos, nove axentes, 12 brigadas, 13 motobombas, tres pas, sete helicópteros e seis avións.
Arde no Vicedo
Ademais, outro fogo foi controlado no municipio do Vicedo (A Mariña). En concreto, quedou controlado ás 15.42 horas tras orixinarse ás 13.30 horas. As estimacións provisionais cifran a superficie afectada nunha hectárea e na súa extinción traballan catro axentes, sete brigadas, cinco motobombas e un helicóptero.
Fogo en Vincios
Un incendio forestal rexistrado na tarde desta cuarta feira na parroquia de Vincios, en Gondomar (comarca de Vigo), foi estabilizado polos servizos de emerxencias que traballan na zona. Tívose coñecemento do fogo minutos antes das 17 horas e na actualidade xa está estabilizado.
Os servizos de emerxencia continúan traballando na zona con helicópteros para tratar de sufocar as chamas. Segundo fontes da Consellaría do Medio Rural, o incendio afecta menos dunha hectárea de superficie.
Máxima alerta
A maioría do sur da Galiza atópase esta cuarta feira 16 de xullo en risco moi alto ou extremo de padecer incendios, polo que a alerta é máxima entre os equipos de extinción que tratan de erradicar os potenciais fogos no territorio galego.
A Consellaría do Medio Rural lembrou que está ao dispor da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar en caso de detectar algún incendio. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento 900 815 085.