FIADEIRAS PRESENTA O LIBRO 'MACHISMOS: DE MICRO NADA'

“As violencias non se miden polo seu tamaño”

O grupo na presentación en Compostela na Lila de Lilith [Imaxe Fiadeiras]

Conversamos con Noelia Darriba, integrante do grupo de traballo Fiadeiras. Un colectivo de educadoras e educadores sociais que crearon unha ferramenta didáctica para detectas formas de violencia moitas veces invisibilizadas. 

 

Está na casa, está na escola

Está nos velhos e nas mais novas.

Está na fala, está na loita,

Chamam-lhe micro mais está em todas.  

Estes versos foron escritos polo grupo musical Sacha na horta e fan parte do libro Machismos: de micro nada. Unha obra que a modo de “recurso didáctico” foi elaborada polo grupo de traballo Fiadeiras, inserido no Colexio de educadoras e educadores sociais de Galiza, Ceesg.

Os micromachismos refírense a violencias sutís polo xeral non identificadas como tal

Nos últimos meses as súas autoras viaxan polo país adiante presentando unha ferramenta que xurdiu, explica en conversa con Sermos Galiza, Noelia Darriba, no marco dun vídeo-forum. “Alguén no coloquio fixo unha reflexión que da que gostamos moito” a respeito do concepto de micro-machismos, e coa que negaba que esas formas de violencia máis sutís ou invisibilizadas fosen tal.

“As violencias non se miden polo seu tamaño”, apunta Noelia Darriba. De maneira que se decidiron a “facer algo grande con algo pequeno”.

“O pasado ano con motivo do 8 de marzo sacamos unha campaña através das redes sociais coa que criticar o concepto de micromachismos” e no marco desa iniciativa “foron enviándonos casos”.

Desa experiencia xunto coa colaboración que pediron a “persoas máis coñecidas” como Luís Dávila, a poeta Andrea Nunes ou a doutora en Psicoloxía e activista feminista, Lola Ferreiro, foron tecendo un libro que combina múltiples disciplinas como a fotografía, a banda deseñada, a poesía ou o relato curto e a narración.

"Estanse a normalizar determinadas actitudes como a violencia de control"

“Queríamos un libro diverso”, di Noelia Darriba, e conseguírono. Através de 85 páxinas debrúzanse sobre as múltiples formas de violencia que constitúen “a base” desa pirámide con que tantas veces foi representado a violencia machista. Expresións “naturalizadas moitas veces” que impiden que sexan detectadas como agresións. Por exemplo, os piropos ou aquelas que teñen a ver co corpo e cos patróns de beleza pre-estabelecidos.

Neste senso, Fiadeiras desenvolve tamén obradoiros nos centros de ensino. Noelia Darriba di que “non me gusta dar a visión de negativa de que a mocidade reproduce comportamentos violentos” pois “a adolescencia é un produto da sociedade”. Porén, si detecta como se están a “normalizar” determinadas actitudes nomeadamente a respeito do “control” nas relacións de parella. Unha cuestión que non atinxe só os mozos senón que “tamén están a exercer as rapazas”.Un feito que atribúe en certa medida ás “letras das cancións, os filmes” nos que “iso reprodúcese por cen”.

Unha ferramenta

“Ten que haber unha mudanza na perspectiva educativa”, apunta Darriba, pois os “obradoiros así illados” non serven para mudar condutas. “Nos nosos obradoiros sempre pedimos que o profesorado estexa na aula e moitas veces dinnos que non son quen de detectar esa violencia nas cancións, por exemplo”.

Fiadeiras presenta o libro o 10 de febreiro en Vigo

Por esa razón, visan que Machismos: de micro nada, poida ser un recurso “útil” co que abordar esta cuestión nas aulas. Para iso, habilitaron un espazo no seu blogue através do que recoller as experiencias doutras persoas profesionais que usasen o libro como ferramenta de traballo. “Houbo un rapaz que nos contou que o usou no centro de menores no que traballa”, explica.

Xa recibiron algunha proposta para crearen unha “guía didáctica” a partir deste traballo mais polo de agora non queren que sexa algo ríxido senón que cada quen o adapte.

Entretanto, continúan coas presentacións e estarán en Vigo esta cuarta feira (10 de febreiro) no Centro de documentación e recursos feministas.