25-N: un día en que facer visíbeis as violencias contra as mulleres

[Imaxe: GZ-Contrainfo]

Compilamos manifestos e informamos dos actos que hai convocados en toda Galiza.

 

Galiza revólvese contra das violencias contra as mulleres. Este 25-N volve ser unha xornada para lle arrincar a careta ao machismo e facer visíbeis todas as caras que amosa non só hoxe, senón todos os días do ano. A través de manifestos e actos, distintas organizacións quixeron mostrar a súa repulsa contra o asasinato de 45 mulleres no que vai de ano en todo o Estado español, dúas na Galiza: Elena en Lugo e Fátima en Verín. Mais tamén contra aqueloutras manifestacións menos evidentes, as violencias que nos pasan desapercibidas.

 

MANIFESTOS
 

  • Plataforma galega polo dereito ao aborto

Para alén do protesto nas rúas, chamando a secundar as manifestacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres, a acción que propón este colectivo atende tamén ás redes sociais. Propoñen reclamar o dereito das mulleres a escolleren cando seren nais mediante a colocación dun banner en que se pode ler o texto Negarnos o dereito a decidir sobre os nosos corpos é violencia estrutural. Tamén está dispoñíbel en galego-portugués.
 

  • Marcha Mundial das Mulleres

"Queremos unir as nosas enerxías as de miles de mulleres que ao redor do mundo autoconvócanse para denunciar o máis profundo rexeitamento das violencias que continuamos vivindo nos nosos corpos de mulleres", sinala o manifesto publicado co gallo do 25-N baixo o lema que empregarán nas manifestacións de que daremos conta máis abaixo: O noso corpo, o noso territorio; libre de agresións, libre de imposicións. 

 

  • Mulheres Nacionalistas Galegas

Nun manifesto entitulado Contra o terrorismo machista, feminismo sem tregua, a MNG pón énfase nas causas das violencias contra as mulleres: "O machismo, tendência à naturalização dos privilégios masculinos e da subordinação feminina, é uma formulação social quase naturalizada. Os sustentáculos dessas relações desiguais são, principalmente, a divisão sexual e desigual do trabalho doméstico, a divisão social do trabalho, o controle do corpo e da sexualidade feminina e a exclusão das mulheres dos espaços de poder e decisão".

 

  • Velaluz

Após pasaren un mes en folga de fame para reclamar "protección real" para as mulleres en situación de violencia machista e as súas crianzas, a asociación publicou un comunicado en que, lembrando a frase Somos malas, podemos ser peores, que unha activista feminista berrou desde a tribuna de convidad@s do Parlamento galego, chaman a quen sufra malos tratos "a denunciar todo o que dentro do sistema non ofreza protección". Quéixanse de que "gastamos máis folgos na invisibilización" que perpetúa "a reprodución de patróns" que en traballar para mudar eses comportamentos.

 

  • Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, AELG

Manifestan o seu rexeitamento nun manifesto escrito por María Reimóndez e entitulado O dioivo que non cesa. Estractamos un bocadiño: "Nosoutras non queremos os vosos paraugas fanados, eses que estendedes cada vez que aparece un dos nosos corpos asasinados rachando as vestiduras, describindo aos agresores coma tolos, culpando as vítimas mortas por non denunciar ou a aquelas que sobreviven por levar certas roupas, estar onde non deben a certas horas ou comportarse como segundo vós non é correcto. Nosoutras o que queremos é unha sociedade nova".

 

  • Asemblea de Mulleres de Galiza Nova

Que non nos paren. Revírate! foi a proclama escollida polas mozas nacionalistas para denunciar que "visten de austeridade os retrocesos nos dereitos conquistados polos movementos feministas". Con 45 mulleres asasinadas no Estado español no que vai de ano, é esta a careta máis recoñecíbel da violencia de xénero, mais violencia tamén é "o control do corpo, o control do móbil e das redes sociais, a chantaxe, as ameazas, os insultos, ou aceptar con normalidade o sexo como 'proba de amor' nunha relación de parella".

 

  • CIG-Muller

"No pretendemos colaborar con monográficos salva-conciencias senón denunciar a todo un sistema que reproduce roles violentos e á raíz dun problema que medra cada día e afecta máis mulleres". Así se pronunciou durante a rolda de imprensa de presentación da campaña A violencia de xénero no traballo ten moitas caras, con que queren visibilizar as discriminacións e agresións machistas que as mulleres teñen que aturar nos seus empregos. 

 

  • CC.OO-Galicia e UGT-Galicia

Ambos os sindicatos denuncian o paso atrás que van supoñer na loita contra a violencia machista a LOMCE, "coa supresión de Educación para a Cidadanía"; a reforma da Administración local, "que deixará máis desprotexidas as vítimas"; ou as modificacións lexislativas anunciadas a respeito dos dereitos sexuais e reprodutivos. O cartaz leva por título Contra todas as violencias.

 

ACTOS CONVOCADOS
 

A Coruña => acto 'O machismo dá o cante'; adro da Igrexa de San Nicolás ás 20h

A Coruña => diante da Confederación de Empresarios ás 11.30h (CIG)

Ferrol => diante do edificio da Xunta ás 12h (CIG)

Ferrol => concentración ás 20h na praza do Concello

Arteixo => teatro-forum coa peza 'Un bo peixe' ás 20h

Lugo => concentración ás 20.30h na praza de Santo Domingo

Lugo => diante da Confederación de Empresarios ás 11.30h (CIG)

Ourense => concentración ás 20.30h na praza de Santa Eufemia

Ourense => diante do edificio sindical ás 11.30h (CIG)

Vigo => diante do edificio da Xunta ás 10.30h e diante de Mapfre e Mutua Gallega ás 12h

Vigo => flash-mob reivindicativo no Campus Universitario

Vigo => manifestación ás 20h con saída da Farola de Urzáiz

Cangas => concentración ás 20h diante do Concello

Cee => concentración ás 20h na praza 8 de Marzo

Pontevedra => concentración ás 12h (CIG) e ás 18.30h na praza 8 de Marzo

Compostela => no aeroporto de Lavacolla ás 12.30h (CIG)

Compostela => concentración na praza do Toural ás 20.30h