Violencia machista no traballo: "Pasádeme un cadrante para saber cando vos baixa a regra"

Segur-Ibérica, a empresa adxudicataria da seguridade privada no aeroporto de Santiago, está vinculada ao ministro español de Defensa

É a petición formulada ás mulleres empregadas baixo as súas ordes polo coordenador da empresa Segur-Ibérica, vinculada ao ministro español de Defensa e adxudicataria do servizo de seguridade privada no aeroporto de Santiago. A mandatos deste tipo súmanse outros como a de ficar 12h de pé sen poder ir ao baño (tampouco os traballadores homes) ou a discriminación por ser lesbiana.


Traballar 12h de pé sen posibilidade de abandonar o posto nin sequera para iren ao baño. Nin homes nin mulleres. E elas, tampouco cando están a menstruar. "Teño acabado quendas mollada até os nocellos e agora o pantalón do uniforme é gris escuro, mais antes era beige", describe con claridade Ofelia Lema, empregada da seguridade privada do aeroporto de Lavacolla, en Santiago, desde hai sete anos.

Muller e lesbiana, foi con ela con quen se cebou o actual coordenador de servizo desde o primeiro día de traballo, cando el "non tiña tanto poder porque só era delegado sindical". Comentarios "misóxinos e homófobos" feitos en público caracterizan o comportamento actual de Manuel González Dosil, actualmente denunciado por catro traballador@s e imputado por acoso.

''Tiven que sufrir a humillación de mexar por min''

Delegado sindical eleito cando facía parte da CIG, foi expulso do sindicato. Cando a empresa adxudicataria do servizo mudou, pasando a concesión a mans de Eulen --cuxa xerencia está ocupada por Micaela Feijóo, irmá do presidente da Xunta--, González Dosil pasou a xefe de equipa. Explica Ofelia Lema que naquela altura lle correspondía un posto fixo por antigüidade "e deullo a outra persoa, que se sentiu presionada perante a discriminación cara a min e marchou do traballo".

Para alén desta situación, Lema describe outras como que se lle negasen permisos para ir a aulas e aos exames cando era estudante ou que a coloque sempre no mesmo posto, no filtro de embarque, de pé entre 10 e 12 horas. Ás mulleres pediulles un 'calendario menstrual' para autorizar relevos que lles permitisen ir ao baño. Aos homes tal dereito fícalles vetado. "Eu tiven que sufrir a humillación de mexar por min porque me ameazou cunha sanción por abandono de servizo", conta Xosé Luís Castro.

''Puta e zorra é o máis normal que nos chama''

Di Castro que esta situación leva "anos" producíndose e que tanto a dirección da actual empresa concesionaria --Segur Ibérica-- como da anterior --Eulen-- e a propia Aena teñen coñecemento dos feitos. "Quero que poñas claramente que o xefe de seguridade é cómplice porque consinte", reclama. Explica que en 2010 todos os sindicatos con representación no comité de empresa asinaron un escrito en que reclamaban que se puxese fin "a estes abusos de poder". A día de hoxe hai unha querela pendente de se resolver. 

"Puta e zorra é o máis normal que nos chama", continua Ofelia Lema, que tivo que aturar que o seu xefe lle chamara "porca" porque lle baixou a regra 'fóra do calendario': "vai relevar a porca esa, que non para de sangrar", pediu o xefe de servizo a outra traballadora para que Lema puidera ir ao baño.

Acrecenta que "teño varias compañeiras que intentaron suicidarse", que ela tivo que pedir a baixa por unha doenza nas costas causada por botar de pé tantas horas e que lle foi prohibido ausentarse do posto tamén nunha ocasión en que sufriu un accidente laboral. "Trillei un dedo e quitei o óso do sitio, pero tivo que a Garda Civil cubrir un atestado para que o 112 viñese por min e non me expedientasen por abandono do traballo; mareábame, non me tiña de pé e aínda así non me deixou ir ao médico", relata Lema.

''Non vai foder contigo que é lesbiana''

Alíás, a súa orientación sexual foi tamén motivo de conflito, ao proferir o coordenador comentarios a un compañeiro de traballo de Lema do tipo "non vai foder contigo que é lesbiana". Malia que recoñeceu o "acoso" que estaba a sufrir desde o primeiro día "non tiña maneira de demostrar nada".

Comezou a facer as reclamacións por escrito, mediante correo-e ou mensaxes de móbil, e o coordenador Dosil "respondía sempre". E pouco a pouco "fomos falando uns con outros e vimos que nos facía a todos o mesmo". Aliás, "confiouse tanto que acabou mostrando esta actitude de abuso en público" polo que xuntaron probas e testemuñas para interpoñer a denuncia.

A empresa de seguridade do ministro español de Defensa

Na seguridade privada do aeroporto de Lavacolla, en Santiago, traballan 35 persoas. Por que só denuncian catro? "Porque hai moito medo e tamén hai quen quere vivir tranquilo" e bailarlle as augas ao coordenador de servizo, explica Xosé Luís Castro, actualmente delegado sindical da CIG no aeroporto compostelán. Con todo, outro empregado denunciara xa estes feitos e gañou: o xulgado de instrución resolveu que non había lugar a sancionalo por ir ao baño. 

Segur-Ibérica é adxudicataria desta concesión desde o 1 de xuño en virtude dun contrato por subrrogación do servizo que antes prestaba Eulen e que presta aínda nos outros dous aeroportos galegos: A Coruña e Vigo. No Consello de Administración de Segur-Ibérica estivo Pedro Morenés até que foi escollido para un cargo público: o ministerio español de Defensa.

'A violencia de xénero no traballo ten moitas caras'

Tanto Ofelia Lema coma Xosé Luís Castro estiveron presentes esta sexta feira na presentación da campaña da CIG-Muller A violencia de xénero no traballo ten moitas caras. En rolda de imprensa, para alén dest@s traballador@s, tomou tamén a palabra Margarida Corral, responsábel desta federación da central nacionalista. Enfatizou que a campaña "non pretende colaborar con monográficos salva-conciencias senón denunciar todo un sistema que reproduce roles violentos".

E para mostra, o exemplo que narraron Lema e Castro. "A violencia machista está cada vez máis agochada e a que se produce no ámbito laboral máis aínda", denunciou Margarida Corral. A renglón seguido queixouse dos incumprimentos no referido á creación de xulgados especializados amparándose na redución do número de denuncias, así como a "constante" redución nas partidas orzamentarias destinadas a facer cumprir a Lei galega contra a violencia de xénero ou ao traballo en prol da equidade.