A violencia machista en liña, máis daniña, gaña presenza e profundidade nos medios

Lucía Muradas, da Deputación de Pontevedra; Águeda Gómez, da UVigo, e Marga Tojo, de Xornalistas Galegas. (Foto: Uvigo).
Aumentan as noticias sobre acoso dixital escolar e violencia sexual, mais non sobre violencia estética, a manosfera ou contra as mulleres con presenza pública.

Os espazos en liña non son seguros para as mulleres e para as nenas. Sofren ataques, sinalizacións e mensaxes denigrantes que transcenden o espazo virtual para afectar as súas vidas de forma concreta e visíbel. Eses ataques en liña son hoxe máis evidentes, sofisticados, perigosos e coordinados. Os seus contidos son de carácter misóxino e sexual. Segundo conclúe o terceiro informe do Observatorio de Machismo Dixital Stop Machitroles, iniciativa da Cátedra de Feminismos 4.0 da Deputación de Pontevedra e a UVigo, é unha problemática silenciada directamente relacionada coa violencia estrutural sexista que soportan as mulleres por razón de xénero.

A violencia machista dixital a través da prensa galega é o título deste último estudo desenvolvido pola Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo en colaboración coa asociación Xornalistas Galegas. A investigación apunta que a violencia en liña é distinta entre homes e mulleres. No caso destas inclúe o discurso de odio misóxino, ameazas e violencia física ou sexual, acoso en liña, doxing –publicación de información persoal de alguén na internet sen o seu permiso co fin de danar a súa traxectoria–, vixilancia electrónica selectiva, coacción e mesmo a exposición non consentida de imaxes e as noticias falsas.

Exércese en redes sociais, por correo electrónico e a través de plataformas de mensaxaría ou  videoxogos. E o que busca  é  molestar, intimidar, atemorizar ou humillar mulleres e nenas xerándolles vergoña, ansiedade, culpa e perda de confianza.

Perspectiva de xénero

O terceiro informe Stop Machitroles amplía o seguimento das violencias dixitais iniciado en 2021 a partir da análise da prensa galega e das novas publicadas entre novembro de 2022 e setembro de 2023. "O que observamos de novo é que o numero de novas recollidas é maior. "Os medios semellan máis sensíbeis e comezan a considerar noticiábeis as violencias machistas dixitais", apunta a Nós Diario Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade e da Cátedra de Feminismos 4.0 da UVigo.

Das 315 novas analizadas, 49% das informacións son sobre ciberviolencias e 51% sobre accións para combatelas. "Por primeira vez máis da metade das noticias fan referencia a alternativas para atallar ou abordar esas violencias, desde o marco xurídico, as políticas públicas de igualdade, a prevención ou o optimismo".

No último ano Águeda Gómez salienta dos fitos comunicativos: o caso Rubiales, con ataques masivos cara as futbolistas e o #Acabouse como resposta do feminismo, e o caso Almendralejo, onde as violencias pornofake contra unha vintena de nenas puxeron o foco sobre a intelixencia artificial. "A repercusión mediática destes casos serve para concienciar de que as violencias machistas dixitais non son unha parvada e poden arruinar moitas vidas".

Porén, non todas gozan da mesma presenza. As noticias sobre violencia sexual e bulling dixital escolar son as máis numerosas. Fican silenciadas a violencia estética, "malia estar na axenda feminista"; a violencia contra mulleres con presenza pública, "o que mingua a calidade democrática e do Estado de dereito", e a manosfera, "unha comunidade emocional, identitaria e antifeminista que busca compensar a crise da masculinidade tradicional". Forocoches e youtubers como Roma Gallardo ou Un tío Blanco Hetero son expoñentes "deste espazo claramente misóxino e cunha capacidade de organización moi alta".

Ciberviolencia e desinformación

"A ciberviolencia simbólica é a violencia machista contra as mulleres desenvolvida na realidade dixital á que a prensa pode contribuír perpetuando a reprodución do sexismo ou modificando a situación", resumiu onte Marga Tojo, voceira de Xornalistas Galegas.

A desinformación de xénero, salientou vai moi ligada á violencia simbólica. "A confusión deliberada sobre a axenda do feminismo non é nova pero adquire unha difusión inédita na dixitalización. A desinformación de xénero é lucrativa. Xera 213 millóns de euros anuais en ingresos publicitarios vinculados a narrativas do odio".

Fronte á desinformación, a obriga dos medios pasa pola igualdade, por rachar "coas inercias dunha tradición masculinizada no poder e na cultura xornalística, por incorporar a perspectiva de xénero de forma transversal nas redaccións e nas noticias", concluíu Tojo.