Violencia machista: a Rede galega de acollemento acubillou 143 mulleres e 92 menores o pasado ano, 25% máis que en 2021

82 mulleres acudiron soas e 61, acompañadas polas súas crianzas. (Foto: Europa Press)
Desde 2009 foron atendidas a través dos sete recursos —casas de acollida, vivendas tuteladas e centro de emerxencia— que operan na Galiza 1.942 mulleres e 1.567 crianzas.

A Rede galega de acollemento para vítimas de violencia de xénero da Xunta acubillou ao longo do pasado ano 143 mulleres e 92 crianzas que acompañaban a parte delas, segundo informou este sábado a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, após participar nunha reunión de seguimento deste organismo.

O dato de 2022 reflicte un significativo incremento, de 25%, en comparanza co número de vítimas da violencia machista que acolleron estes centros no ano anterior, un total de 114, con 89 menores ao seu cargo. En 2020 foran 117 mulleres e 86 cativos e cativas.

No territorio galego hai actualmente en funcionamento sete recursos de acollemento —centro de emerxencia, vivendas tuteladas e casas de acollida— dentro desta rede, que operan nos concellos da Coruña, Vigo, Ourense, Ferrol, Lugo, Burela e Chantada e que ofrecen no seu conxunto 84 prazas. O pasado ano rexistraron unha ocupación media próxima a 60%.

Segundo os datos expostos polo departamento que dirixe López Abella neste encontro, un total de 82 mulleres que acudiron soas utilizaron este recurso, ao tempo que outras 61 chegaron con crianzas. Entre as usuarias, case a metade (75) tiñan nacionalidade do Estado español e o resto (68), de fóra.

No que atinxe á idade, perto de 63% contaban con idades comprendidas entre os 26 e os 45 anos e 113 (79%) mantiñan relación de convivencia co agresor no momento do acollemento. A rede recibiu un total de 14 mulleres con algunha discapacidade.

A canle de derivación aos recursos residenciais que brinda a Xunta ás mulleres vítimas é a través dos Centros de Información á Muller (CIM), como foi o caso de 60 das 143 usuarias durante 2022. Tamén os corpos policiais, xulgados, servizos sociais, hospitais ou outras comunidades promoven estes traslados.

Desde 2009, un total de 3.509 persoas —1.942 mulleres vítimas de violencia machista e 1.567 menores ao seu cargo— foron atendidas polos centros da Rede galega de acollemento.