A violencia contra a comunidade LGBT+ persiste: os centros educativos "non son espazos seguros"

Alumnos dun instituto de Negreira que participaron na investigación (Foto: Agareso).
A ONGD Agareso fixo públicos os resultados dun estudo realizado pola investigadora Estrella Ramil, a partir de respostas recollidas a 503 alumnos e alumnas, así como a 74 docentes, de 29 centros educativos galegos.

A ONGD Agareso fixo públicos os resultados dun estudo realizado pola investigadora Estrella Ramil, a partir de respostas recollidas a 503 alumnos e alumnas, así como a 74 docentes, de 29 centros educativos galegos. O estudo conclúe que eses centros "non son espazos seguros" para o alumnado LGBT+.

Nesta investigación, na que participaron a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ da Galiza; a Asociación de familias de menores e mocidade trans da Galiza, Arelas; e a asociación Avante LGBTI+ Galiza, Estrella Ramil advertiu de que, aínda que a poboación LGBT+ é "cada vez máis visíbel e máis aceptada", o alumnado séguese enfrontando a situacións de LGBTfobia ou bullying, tanto por parte do alumnado como do profesorado.

O estudo recolle que 23% do profesorado e 28% do alumnado declaran pertencer ao colectivo LGBT+, aínda que esta diversidade expresada en enquisas anónimas "non é visíbel no día a día dos centros", nin entre estudantes nin entre docentes, onde máis da metade manteñen a súa identidade ou orientación sexual "en segredo".

Estrella Ramil explica que isto é así "por medo ás ameazas, ao trato diferencial ou ao acoso, toda vez que os centros educativos non son espazos seguros para as persoas do colectivo LGBT+". Así, 81% dos alumnos e das alumnas que declaran pertencer ao colectivo LGBT+ sufriron algunha agresión e 69% dos profesores e das profesoras presenciaron algún destes ataques. Con frecuencia trátanse de "bromas ou insultos" cometidos polo alumnado ou polo profesorado, aínda que son os mozos cishetero os que, con diferenza, mostran máis rexeitamento ante a diversidade LGBT+.

“Masculinidades hexemónicas”

Para Ramil, isto supón un "indicador claro" da necesidade urxente de traballar "sobre as masculinidades hexemónicas, sobre os privilexios e responsabilidades dos mozos ante as desigualdades". Ademais das bromas e insultos, as persoas enquisadas recoñeceron presenciar situacións de illamento, especialmente por parte do alumnado trans, e quedaron "sobradamente demostradas" as reticencias por parte de parte do profesorado e do alumnado no uso dos nomes sentidos ou pronomes adecuados, ou no uso da linguaxe inclusiva e do xénero neutro, que "moitas veces é usado como burla". Con todo, 56% do profesorado considera que os institutos son espazos seguros, grazas á intervención das docentes, mais só 19% do alumnado está de acordo con esta apreciación.

Reacción ante as agresións

Por outra parte, con respecto ás reaccións ante as agresións, as enquisas reflicten datos "preocupantes": só 46% dos alumnos e das alumnas defendería aos compañeiros e ás compañeiras atacadas, mentres que 30% non faría nada, 19% non sabería que facer e 5% recoñece que se uniría ás agresións. Isto significa, denunciou Estrella Ramil, que unha persoa que é acosada só estaría segura onde algún dos seus pares a protexese, e habería moitos espazos e momentos nos que sería "moi vulnerábel".

Agareso apuntou que estas ideas reflectidas polo alumnado galego xurden dun "imaxinario social compartido" polas comunidades educativas e polas familias, medios de comunicación ou redes sociais, onde hai prexuízos e estereotipos sobre a poboación LGBT+. De feito, 16% do alumnado enquisado sinala como "negativos" os avances en materia LGBT+ e 18% ve negativo o fortalecemento do movemento feminista. Ademais, 60% do estudantado recoñece que se están incrementado o machismo e os discursos e actos racistas, algo "positivo" para 21%.

Alumnado e profesorado expoñen que a principal canle pola que os mozos e as mozas reciben información sobre estas temáticas son as redes sociais e confírmase a desaparición de medios de comunicación tradicionais como fontes de información. Ademais, 74% do alumnado admite que nunca bloqueou ou denunciou contidos racistas LGBTfóbicos ou machistas nas redes sociais, aínda que hai gran diferenza entre o colectivo LGBT+ e o resto (especialmente os homes cishetero). Por outra parte, 79% das persoas do colectivo LGBT+ di bloquear contido machista (fronte á porcentaxe de 16% da mostra total) e 40% contido racista (fronte á porcentaxe de 22% do total).

Necesidade “urxente” de actuar

Ante estes resultados, Estrella Ramil concluíu que "é urxente, imperativo, ante a crecente onda de forzas ultraconservadoras que ameazan os logros conseguidos", actuar nos centros educativos para "romper o modelo hexemónico cisheteronormativo", tanto na configuración de plans de estudo, como nos espazos, na formación na docencia e na "tolerancia cero ante bromas ou situacións de bullying".

A ONGD Agareso elaborou unha proposta didáctica para traballar neste ámbito, contra o discurso do odio nas aulas da ESO e para a "alfabetización mediática e a elaboración de contradiscurso". Ao longo das próximas semanas, as organizacións colaboradoras publicarán na súa web material multimedia e o próximo 20 de abril desenvolverán en Santiago de Compostela unha formación gratuíta para docentes.