Igualdade responsabiliza o xuíz da rebaixa da pena ao 'violador de Augas Férreas', agora en liberdade, coa Lei de 'só si é si'

A delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Victoria Rosell, nun acto coa ministra de Igualdade, Irene Montero. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
"A responsabilidade desta revisión é do órgano xudicial que, podendo non revisar, porque concorren todas as agravantes que agora mesmo agravarían a pena, vai a mínimas cunha clara voluntariedade de choque desta lei co vello sistema", defende a delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Victoria Rosell.

O coñecido como 'violador de Augas Férreas', condenado en 2020 a seis anos e medio de prisión por agredir sexualmente unha moza nun portal en Lugo e tentar repetir o crime con outra vítima, vén de ser posto en liberdade logo de rebaixarse a súa pena a catro anos ao abeiro da Lei de 'só si é si', dado que esta terza feira fixo os catro anos no cárcere. Desde o Goberno español sinalan directamente o xuíz que revisou a condena como responsábel.

A xuíza e delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Victoria Rosell, asegura, en declaracións a TVE, que "a responsabilidade desta revisión é do órgano xudicial que, podendo non revisar, porque concorren todas as agravantes que agora mesmo agravarían a pena, vai a mínimas cunha clara voluntariedade de choque desta lei co vello sistema".

Rosell insistiu en responsabilizar os órganos xudiciais destas revisións de condenas: "A responsabilidade do Goberno é facer boas leis, pero a responsabilidade da revisión de sentenzas son decisións xudiciais que o Goberno ten que aceptar e respectar, aínda que non as comparta", precisou.

Ao seu xuízo, o Executivo "non pode asumir responsabilidades dun poder que se reclama independente e que en só unha mínima parte está a realizar estas revisións á mínima que están a deixar ao descuberto sentenzas que, por delitos moi graves, deixaban as vítimas moi desprotexidas".

Fronte a estas situacións defendeu a Lei de 'só si é si' e asegurou que "de cara ao futuro non lle vai a pasar a ninguén máis, porque as penas están moitísimo mellor descritas e son moito máis protectoras e, sobre todo, non é unha lei penal, é unha lei integral". E dirixiuse tamén á vítima do 'violador do portal' ao asegurar que a nova lei garante ás vítimas "o que lles faltaría neste camiño: acompañamento, asistencia psicolóxica, asistencia xurídica...".

Sobre a adopción de medidas de protección para a vítima do 'violador do portal', explicou que "a obriga" do Goberno "é dar un plus de seguridade á vítima se pide un dispositivo" e o xulgado ou o tribunal acordan aceptalo. Neste senso, tentou tranquilizar á vítima e asegurou que "unha orde de afastamento que só figura no papel pode fallar", pero "nunca fallou un dispositivo telemático que depende da Delegación de Goberno; ningunha muller foi asasinada portando o dispositivo que alerta de todas as entradas ou zonas de exclusión do móbil do agresor".

Victoria Rosell lembrou que o Goberno estatal acordou pór pulseiras de seguimento no caso daquelas vítimas que o soliciten e sexa autorizado polos tribunais cuxos agresores sexuais saísen en liberdade pola rebaixa de penas e teñan ordes de afastamento en vigor.

"O que se acordou é que ás vítimas que se lles crea esta inseguridade polas decisións xudiciais imprevistas e moitas delas sorpresivas de rebaixarlle a condena a algúns violadores, se o piden e o tribunal acórdao, instalarásenlles estes dispositivos [aos condenados], que velarán pola xeolocalización do agresor e dela sempre que teñan medidas de afastamento", engadiu.