Unha vintena de núcleos confinados polos incendios en Carballeda, Beade, Leiro e Avión
Tamén se realizaron varias evacuacións voluntarias e seguen desaloxados de forma preventiva anciáns de tres residencias
O servizo de emerxencias do 112 Galiza informou de que continúan activas as medidas de protección para a cidadanía por mor dos incendios forestais na provincia de Ourense, con varios núcleos de poboación nos que se está levando a cabo o confinamento.
Despois de que un total de 68 persoas se resgardasen nas súas casas a modo preventivo entre a sexta feira e este sábado, durante esta mañá procedeuse ao confinamento dunha vintena de núcleos pertencentes aos concellos de Carballeda de Avia, Beade, Leiro e Avión, na comarca do Ribeiro.
En concreto, trátase das Laceiras, Covelo, Vilar de Condes, Cortegazas, Sariñas, Muimenta, Abelenda, Casares, Balde, Serra, Barroso, As Regadas, Beiro de Abaixo, Beiro de Arriba, As Cortes, Faramontaos, Orega, Caldelas, Beran, A Veiga e Beade.
Ademais, realizáronse evacuacións voluntarias entre esta sexta feira e este sábado en diferentes lugares, como A Veiga, Viana do Bolo, Manzaneda ou A Rúa, nas comarcas de Valderorras e Terra de Trives.
Tamén permanecen desaloxados de forma preventiva máis dun centenar de anciáns da residencia da Rúa, que foron trasladados a outro centro de Vilamartín de Valdeorras; así como tres residentes da da Mezquita e 25 da de Chandrexa de Queixa -persoas en situación de gran dependencia, cuxo traslado require unhas condicións específicas-.
Recomendacións activas
Igualmente, seguen activos os protocolos de protección á cidadanía (Situación 2 preventiva) en toda a provincia de Ourense, e o 112 lembra que na pasada xornada foi enviado unha mensaxe a través de 'Es-Alert' en varios concellos afectados, polo que, lembra, é necesario seguir as indicacións das autoridades para garantir a seguridade.
Os concellos nos que pon o foco o 112 son máis dunha trintena: Oímbra, Cualedro, Monterrei, Laza, Verín, Vilardevós, Riós, A Mezquita, A Gudiña, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Veiga, O Bolo, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, Montederramo, Parada de Sil, Castrocaldelas, A Teixeira, San Xoán de Río, Larouco, Petín, A Rúa, Quiroga, Ribas de Sil, O Barco de Valdeorras, Vilamartín, Xinzo, Trasmiras, Baltar, Folgoso do Courel, Rubiá, Carballeda de Avia, Leiro, Avión e Beade.
