Unha vintena de Concellos únense ao izado da bandeira galega este sábado

O sábado 18 terá lugar unha "acción expansiva" na Galiza para colocar a bandeira nun lugar vistoso (Foto: Projeto Estreleira).
Unha vintena de municipios galegos acollerán este sábado o izado da bandeira galega en conmemoración da I Asemblea nacionalista das Irmandades da Fala, que tivo lugar o 17 e o 18 de novembro de 1918.

Unha vintena de municipios galegos acollerán este sábado o izado da bandeira galega en conmemoración da I Asemblea nacionalista das Irmandades da Fala, que tivo lugar o 17 e o 18 de novembro de 1918.

Esta iniciativa está promovida por Vía Galega, que defende que o Himno e a bandeira son "os únicos que nos identifican e recoñecen como pobo", á vez que "fortalecen a conciencia e cohesión nacional e contrarrestan a invasión da simboloxía española".

Esta plataforma tamén lembra que xa o ano pasado inaugurouse a semana de exaltación e exhibición da bandeira os días que coincidían co aniversario do desenvolvemento da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala.

"Moitas das propostas xurdidas daquela asemblea continúan en plena vixencia e seguen sen estar satisfeitas a día de hoxe", apunta Vía Galega, que lembra que aquel manifesto, entre outras personalidades, foi subscribido por Castelao, Cabanillas, Losada Diéguez, Peña Novo, Risco, Taibo, os irmáns Villar Ponte e Viqueira.

Este ano cómprense 105 anos da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, polo que Vía Galega retoma a campaña dándolle continuidade ao traballo iniciado o ano pasado e, así, durante a semana do 13 ao 18 de novembro esta plataforma pretende cubrir toda a xeografía galega de bandeiras galegas, "engalanando xanelas e varandas".

Actos expansivos

O sábado 18 levaranse a cabo actos expansivos ás 12 horas, en diferentes localidades, que consistirán, xunto co izado da bandeira galega en lugares vistosos para que perduren no tempo, en recitar poemas relativos á bandeira e na lectura do manifesto referido á xénese e ao significado dos símbolos, a relevancia do manifesto das Irmandades da Fala e o "dereito para exercer e existir como galegos".

Están confirmados actos nas localidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ourense, Ferrol, Teo, Ribeira, Outes, Pobra, Muros, Mazaricos, Arzúa, Fene, San Sadurniño, Cedeira, A Guarda, Melide, A Mariña, Moaña, A Pobra de Brollón, Samos, Brión e Redondela.

Vía Galega fai un chamamento a participar nos actos do 18 de novembro e a mostrar esta semana o "orgullo da bandeira", colgándoa das casas como “símbolo nacional que nos cohesiona como pobo".