Unha vintena de colectivos súmanse á “deseucaliptización simultánea”

Participarán nunha ducia de accións en diferentes comarcas de Galiza para erradicar eucalipto e outras especies invasoras. A acción, promovida por Cousa de Raíces, desenvólvese con motivo da celebración este 21M do Día Mundial dos Bosques. No interior, onde e cando son as accións 'deseucaliptizadoras'.

De Agolada a Teis, de Melón a Lousame, pasando por Cercedo-Cotobade e Ponte Caldelas. Estes son algúns dos lugares onde se desenvolverá a partir desta quinta feira, 21 de marzo, a iniciativa pola ‘deseucaliptización simultánea’ de Galiza, convocada por Cousa de Raíces e que xa sumou unha vintena de colectivos.

 

Comunidades de Montes, colectivos ecoloxistas, agrupacións culturais, a Universidade da Coruña e diversos proxectos de custodia do territorio organizan para esta quinta e o vindeiro sábado, 23 de marzo, máis dunha decena de accións de eliminación de eucaliptos e doutras plantas exóticas invasoras, como as acacias.

 

Adega, Couto da Eiriña, Verdegaia, Montescola e CMVMC de Froxán (Lousame), a Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, A Rente de Chan, Pladever, Fundación Eira, Proxecto Ríos, Amigos da Terra, CMVMC de Tourón (Melón), Asociación Vergasta, APDR, agrupación Arlequín, Proxecto MonTeis, a CMVMC de Teis (Vigo), a CMVMC de Ponteareas e a CMVMC de Carracedo (Caldas de Reis) responderon ao chamado da rede Cousa de Raíces para participar na deseucaliptización simultánea

.

O obxectivo desta iniciativa é, salientan as impulsoras, chamar a atención sobre a urxencia de favorecer e conservar os bosques galegos fronte o impacto negativo e a expansión descontrolada de especies e plantas exóticas invasoras no país, como é o caso do eucalipto ou da acacia.

 

As accións de deseucaliptización comezarán esta quinta feira, no propio Día Internacional dos Bosques, na cidade da Coruña, cunha actividade de eliminación de flora exótica invasora, especialmente da acacia negra, organizada no Monte da Fraga pola Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, coa colaboración de Adega.

 

As demais accións de eliminación de eucaliptos e outra flora exótica terán lugar o sábado, 23 de marzo.

 

Montes de Froxán de Lousame

En “Campo de Lamas”. Nesta zona húmida, a comunidade de montes, xunto con Verdegaia e as brigadas deseucaliptizadoras, levan tempo promovendo a recuperación do bosque nativo.

 

Nos montes de Ramil de Agolada

A  Fundación Eira e Adega darán continuidade aos labores previos de eliminación de eucalipto nunha parcela custodiada, na que haberá que eliminar os gromos que rebentaron nos tocóns.

 

Río Tea, Mondariz.

O colectivo ecoloxista, xunto co Proxecto Ríos, acudirán ao río Tea, en Mondariz, para eliminar especies exóticas invasoras, nomeadamente a acacia, no marco do Campo de voluntariado ambiental do Tea.

 

Gradín, Pontecaldelas

A tarefa principal do colectivo A Rente de Chan e Pladever (plataforma na defensa do Verdugo) será a deseucaliptización nunhas parcelas de experimentación, situadas nos montes de Gradín de Pontecaldelas, nas que se fará seguimento dos resultados da eliminación de eucaliptos, seguindo un protocolo deseñado para a ocasión, e que estas organizacións comparten co resto de entidades participantes

 

O Regueiriño, Lourizán (Pontevedra)

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) eliminará eucaliptos no monte de O Regueiriño, na parroquia de Lourizán na que se sitúa tamén a fábrica de celulosas de Ence.

 

Rebordelo, Cerdedo-Cotobade

A comunidade de Montes de Rebordelo, de Cerdedo-Cotobade, coa colaboración de Adega, aproveitará esta ocasión para eliminar eucaliptos e promover un roteiro interpretativo polo Couto da Eiriña, lugar no que se está a promover un proxecto de custodia e de promoción dunha xestión forestal sostible.

 

Melón

A comunidade de montes de Tourón, no concello de Melón, aposta tamén pola retirada de eucaliptos dos seus montes. Participarán nesta actividades outras entidades como Amigos da Terra e a Asociación Vergasta.

 

Ponteareas

Pola súa banda, a comunidade de montes de Ponteareas está a substituír o eucalipto dos seus montes por especies forestais autóctonas, tarefa na que está inmersa desde a vaga de lumes de 2017. O sábado 23 continuará con este labor nos “Chans da Picaraña”, luga no que se celebra a Romaría da Picaraña do vindeiro 1 de maio.

 

Carracedo, Caldas de Reis

Os comuneiros e comuneiras de Carracedo, de Caldas de Reis, eliminarán gromos de eucalipto de tocóns,

 

Teis, Vigo

Os e as comuneiras eliminarán exemplares máis grandes coa axuda de maquinaria. A agrupación Arlequín tamén colaborará na deseucaliptización da Madroa, en Teis, onde tamén se plantarán árbores autóctonas