21M: deseucaliptización simultánea en toda Galiza

Con motivo do Día Mundial dos Bosques, Cousa de Raíces convida a eliminar eucaliptos e outras especies invasoras dos montes galegos. Xa hai varias accións fixadas para esas xornadas, da Coruña a Mondariz.

A rede a prol do bosque galego, Cousa de Raíces, conformada por máis de 60 entidades, convida a centros educativos, colectivos, asociacións, plataformas e particulares a promover iniciativas de eliminación de eucaliptos e doutras plantas invasoras dos montes galegos durante a vindeira semana,  con motivo do Día Internacional dos Bosques.


O lema escollido este ano polas Nacións Unidas para celebrar o Día Mundial Forestal é “Aprende a amar o bosque”. Cousa de Raíces considera que para iso o primeiro “será distinguir o que é un bosque do que non o é”. Mentres que un “bosque” é, explican, un ecosistema natural complexo, dominado por especies arbóreas e a súa vexetación acompañante, no que habitan animais, fungos e microorganismos entre os que se establecen interrelacións perdurables no tempo; unha “plantación forestal” é un conxunto de árbores normalmente uniformes que se plantan unicamente polo seu interese comercial, e que adoita estar formado por especies alóctonas.


Todas aquelas persoas ou entidades que queiran promover a súa actividade de eliminación de eucaliptos ou doutras plantas invasoras a través da proposta de “Deseucaliptización Simultánea” de Cousa de Raíces, poderán facelo, enviando ao email de Cousa de Raíces (cousaderaices@adega.gal), antes do 18 de marzo.


Xa hai varias accións fixadas: Monte da Fraga (A Coruña), Rebordelo (Cerdedo-Cotobade), Froxán (Lousame), Gradín (Ponte Caldelas), Montes de Riba, Cousa Vella (Agolada), Río Tea (Mondariz), Tourón (Melón).