'Vinte pesetas' por quilómetro nos desprazamentos a Madrid para abortar

Sanidade aplica un decreto de 2001 para rebaixar a contía que paga ás mulleres que se deslocan para interromper a súa gravidez.

"Desde maio comezaron a aplicar outras tarifas baseándose nunha normativa de 2001 que fala en pesetas", sinalan desde o COF da Coruña en conversa con Sermos Galiza, Chus Díaz. Trátase daquelas mulleres que se deslocan a Madrid para interromper o seu embarazo ás que se lles aplica a Orde do 30 de marzo de 2001 pola que se regulan prestacións por desprazamento previstas no artigo 12 do Decreto 42/1998, do 15 de xaneiro.

Desde A Coruña o Sergas aboará por volta duns 140 euros en cada viaxe a Madrid, sen dietas

"Antes os desprazamentos dependían de inspección médica" quen determinaba a contía e as condicións nas que se producían. Porén, "pasou a depender do complexo hospitalario" que optou por converter as pesetas en euros "e pagan 0,12 céntimos por quilómetro". Isto é, "en lugar de pagar desde A Coruña como até o de agora por volta de 215 euros agora pagarán uns 140€", sinala Chus Díaz. "Antes xa nos parecía unha miseria porque non lles pagaban a portaxe". 

Para alén diso, acrecenta, "non lles pagan o hotel nen as dietas, é un desastre" mesmo cando se trata de "abortos de máis de 14 semanas ás que lles teñen que provocar un parto", explica. "Teñen que estar ás 9 da mañá, o lóxico é que vaian o día antes". 

E aquelas mulleres que non poden adiantar o diñeiro que custa o desprazamento? "Preguntámoslle á subdirectora e propuxémoslle a elaboración dun informe social que acreditase esa situación para que se lle aboase a contía por adiantado mais díxonos que non", denuncia Chus Díaz ao tempo que sinala o feito de teren suprimido o convenio que existía con Renfe polo que existía un "bono cama" para aquelas mulleres que non se podían desprazar en coche. "Ese recurso quítano". 

Ningunha muller quere abortar aquí porque non se lle pode garantir que vaia estar acompañada, denuncian

Neste senso, sinala Chus Díaz, após térense coñecido publicamente os casos de mulleres que se viron obrigadas a abortar sen asistencia no Hospital Materno da Coruña ou no Arquitecto Marcide de Ferrol, "ningunha muller quere abortar aquí porque non se lle pode garantir que vaia estar acompañada". Así as cousas, "en Lugo, Ferrol e Ourense non se practican abortos". 

Viaxar soas 

Na orde referida, a Xunta tampouco contempla a posibilidade de que estas mulleres viaxen acompañadas agás "menores de 18 anos" e "pacientes que or razóns clínicas o precisen". Desde o COF da Coruña e do Ventorrillo avanzaron que darán "un informe médico" acreditando esa necesidade en todos os casos. "Era o que faltaba, que tivesen que ir soas", sinala Díaz. 

"Din que sobran cartos porque cumpriron os deberes e que lles conceden unha propina por iso, en que o van gastar?", di Díaz. "Estamos indignadísimos porque amosan unha insensibilidade absoluta", "gastan millóns de euros noutras cousas e recortan en sanidade". Aliás, aseguran que as mulleres que teñen que interromper a súa gravidez no segundo trimestre de xestación, en moitas ocasisións por malformacións fetais, viven "situacións dramáticas de grande angustia psicolóxica" agravada polo feito de se teren que deslocar.