O viño galego Brut Terra de Asorei, premiado pola 'Identidade Vitivinícola' na Barcelona Wine Week

Este viño xa fora premiado como o mellor escumoso da Galiza.
A Adega Terra de Asorei recibe este prestixioso galardón.

Na feira internacional Barcelona Wine Week, que terá lugar os días 5, 6 e 7 deste mes de febreiro, participan máis de 950 adegas de todo o mundo e unhas 70 denominacións de orixe. A organización da feira e o diario La Vanguardia outorgarán seis premios as adegas, e a galega Terra de Asorei recibirá o galardón á Identidade Vitivinícola.

Deste modo, a prensa especializada e mais a feira destacan o modelo singular desta adega familiar do Val do Salnés do século XXI, a súa honestidade na elaboración dos seus albariños e a boa relación calidade-prezo. Alén deste premio á Identidade Vitivinícola, La Vanguardia, publicou hoxe a nova edición de 2024 dos 100 mellores viños elaborados en todo o Estado español, destacando entre eles o Brut Terra de Asorei como un dos mellores.

"Este recoñecemento ten, se cabe, máis valor aínda, tendo en conta que 16 dos 17 viños espumosos ou cavas que conforman a guía son de orixe catalán, sendo o Brut Terra de Asorei o primeiro Escumoso galego que consigue este recoñecemento, cunha puntuación de 93 sobre 100, nesta prestixiosa lista", salientan desde a adega galega, a través dun comunicado.

Non é o primeiro recoñecemento para este Escumoso de Terra de Asorei "elaborado con uva 100% albariña do Val do Salnés", pois meses atrás foi galardoado tamén co cobizado Acio de Ouro nas Catas de Viño da Galiza, o que o sitúa como o mellor escumoso de 2023 na Galiza.

Terra de Asorei é a unión de seis familias de viticultores das Rías Baixas que suman 60 hectáreas de albariño. Elaboran viño albariño e escumosos baixo as marcas Terra de Asorei, Nai e Señora e 1953 Pazo Torrado.

O Brut Terra de Asorei, cun mínimo de 18 meses en rima, apuntan, foi premiado co Acio de Ouro nas catas da Galiza de 2023. O Brut Nai e Señora, pola súa parte, "busca unha experiencia diferente, cun tempo en rima de entre 12 e 15 meses, facendo tranquilamente a súa segunda fermentación".

E o Brut Pazo Torrado 1953, un brut con nove meses en rima. Foi distinguido ca Medalla de Ouro concedida para o Brut 1953 Pazo Torrado pola 'Guía de vinos, destilados y bodegas da Galiza', de Luís Paadín.