Máis

O viño vai de festa no verán

Cata realizada a pasada fin de semana no Festival do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte. (Foto: Deputación de Lugo)
De Valdeorras ao Salnés co produto da uva.

As feiras do viño na Galiza, transformadas tamén en festas, transitan por case todo o calendario anual do país. Comezaron na Ribeira Sacra en marzo coa cita en Chantada, para seguir en Sober (Terra de Lemos) e esta pasada fin de semana recalaron en Monforte de Lemos.

No mes de xullo seguirán coa Feira do Viño de Valdeorras, no Barco (do 7 ao 9 de xullo), onde a súa Denominación de Orixe contará con varias actividades centralizadas na Casa Grande de Viloira. 

Á semana seguinte, entre o 14 e o 16 de xullo, será a Feira do Viño do Rosal (O Baixo Miño), unha subzona da denominación Rías Baixas cunha importante tradición vitivinícola que se poderá apreciar no centro da vila cun programa de actividades aínda sen confirmar. 

Na metade do verán, do 29 de xullo ao 7 de agosto, decorrerá a feira máis lonxeva e extensa do calendario, a do Albariño en Cambados (O Salnés). Actuacións musicais, sesións DJ, charangas e batukadas coincidirán con espectáculos infantís e até cunha función de trapecio aéreo ou xogos tradicionais como acompañamento deste evento.

As casetas coas adegas participantes estarán, como outros anos, no Paseo da Calzada e o 7 de agosto daranse a coñecer nun xantar oficial os viños premiados nesta edición. 

A seguinte cita será na Feira de Viño de Monterrei (comarca de Verín), do 11 ao 13 de agosto, o mellor lugar para probar as súas especialidades en mencía e godello.

Por último, a fin de semana do 26 e 27 de agosto decorrerá a Festa do Viño do Condado, a segunda en antigüidade do país. Ademais de viño e actividades, o evento pasa a ser gastronómico na contorna do Castelo de Salvaterra do Miño (O Condado).