Villares denuncia a incompetencia e o abandono por parte da Xunta na xestión do “domingo negro”

Villares co alcalde de Pontecaldelas

Luís Villares reuniuse esta mañá co alcalde de Pontecaldelas, Andrés Díaz, un dos concellos máis afecetados polo desastre medioambiental.

A negativa do goberno de Núñez Feijóo ante a petición por parte da oposición de crear unha comisión de estudo co obxectivo de  avaliar que erros se cometeron durante a vaga de lumes en materia de emerxencia e ordenamento forestal deixa en evidencia “un goberno cego porque non coñece a realidade do noso territorio e xordo por non querer escoitar a xente”, denunciou Villares.

 

O portavoz de En Marea critica a irresponsabilidade da Xunta ao denegar unha saída resolutiva ao asunto: “O PP nega no Parlamento unha comisión que era o lugar idóneo para que expertos independentes puideran avaliar que foi o que fallou a nivel de emerxencias, de atención de grupos de protección civil, en ordenación forestal, agropecuaria, que falla a nivel de ordenación do territorio para poder establecer unha política alternativa”.

 

Villares constatou na súa visita “a notoria insuficiencia das axudas aprobadas pola Xunta a semana pasada que non cobren nin de lonxe todo o traballo que están a desenvolver os municipios nin se encargan de financiar a restauración e atención integral socio-económica de todo o tecido destruído”.

 

Á reunión asistiron tamén as comunidades de montes da comarca coas que puideron comprobar de perto a forza devastadora do lume durante o “domingo negro” e reclamar a necesidade dunha comisión externa que estude os feitos.