Villarejo recadou información de Feixoo para o BBVA

[Imaxe: Salvados/La Sexta] Villarejo

No marco das investigacións do ex comisario para o BBVA sobre presuntos vínculos políticos de Ausbanc.

 

O Ex comisario José Manuel Villarejo recompilou dados da vida privada de varios dirixentes do PP no marco das investigacións que lle encargara o BBVA sobre Ausbanc (Asociación de Usuarios de Servizos Bancarios) e o presidente da asociación, Luis Pineda. Voz Populi tivo acceso a esta documentación do daquela comisario en activo, e na que figuran persoeiros como Núñez Feixoo ou Ana Pastor, entre outros

 

‘Anexo 01-Vinculacións políticas’ é o título dun ficheiro feito en outubro de 2014 e no que figuraban os enderezos das moradas destes dirixentes do PP, os nomes e datas de nacemento das súas parellas e unha información polo miúdo das súas carreiras profesionais.

 

No que atinxe ao presidente da Xunta, nese documento, indica ‘Voz Populi’, alúdese a unha relación sentimental do pasado cunha xornalista. Tamén detalla que en outubro de 2012 Feixoo reuniuse con Pineda no seu despacho para “tratar o tema das preferentes xa que Galiza é unha das comunidades con maior número de persoas afectadas por este produto”.