Nunha conversa gravada en maio de 2005

O “clan Villarejo” tamén se interesou por Inditex

[Imaxe: Salvados/La Sexta] Villarejo

 As gravacións do comisario xubilado da Policía José Manuel Villarejo batuxan tamén o imperio galego Inditex. Veñen de coñecerse os audios dunha conversa entre el e un dos seus colaboradores na que se fala de se había “trapos suxos” que utilizar contra Pablo Isla, recentemente nomeado, en 2005, conselleiro delegado da multinacional. Ao parecer, “alguén de Zara” se interesara por esta posibilidade. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respeito no número 325 de Sermos Galiza.

O ano 2005 foi especialmente convulso na cúpula de Inditex. O imperio téxtil de Amancio Ortega mantiña unha evolución expansiva nos mercados internacionais e os medios de comunicación informaban dos movementos do fundador de Zara xunto con outros empresarios galegos para se facer co control de Unión Fenosa. En febreiro dese ano dimitiu logo de máis de dúas décadas no xigante téxtil o seu sobriño político, o empresario ourensán Juan Carlos Rodríguez Cebrián, naquela altura director xeral da compañía. Apenas tres meses despois, en maio, Pablo Isla foi nomeado conselleiro delegado, cargo ao que sumaría, no mes de setembro, o de vicepresidente primeiro tras a demisión de José María Castellano, man dereita de Ortega durante a primeira etapa de expansión de Inditex.

 

Nese turbulento contexto, o hoxe célebre comisario xubilado José Manuel Villarejo gravou unha conversa con Enrique García Castaño, colega de profesión que, segundo a Fiscalía Anticorrupción, integraba o “clan policial mafioso” encabezado polo propio Villarejo. A conversa, que reproduce o dixital vozpopuli.com, foi gravada o 15 de maio de 2005, apenas uns días despois de que Pablo Isla asumira o cargo de conselleiro delegado dun dos emporios máis grandes do mundo.

 

Na conversa, García Castaño aseguraba que “alguén de Zara” se puxera en contacto con el para preguntarlle se coñecía trapos suxos de Isla. “Sóache Pablo Isla, presidente de Altadis? –a tabacaleira que dirixiu nos primeiros anos do século–. É que me preguntaron os de Zara. Nomeárono para Inditex. Entón, dime o de Zara: Hai algo?”.

 

Nese punto, como se recolle no audio, Villarejo pregunta: “En contra de… había algo?”. Porén, di non lembrar que había en contra de Pablo Isla, ao que García Castaño responde: “Si, algunha cousa rara, ou algunha cousa que poidan sacar punta ou algo. Eu teño feito memoria das cousas e non hai nada”. Aínda así, o comisario insiste: “Había algo. Había algo dun trapicheo. Polo visto, o de Zara anda fundamentalmente organizando o tema de como investir toda a pasta que ten fóra”. García Castaño agrega nese momento que “queren duplicar Inditex en cinco ano e por iso o nomearon”, en referencia a Pablo Isla.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 325 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]