Vilagarcía e Vigo entran no nivel medio das restricións

O alcalde de Vigo foi das persoas que acudiu esta fin de semana a vacinarse contra a Covid. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xa advertira de que era posíbel que se estabeleceran novas medidas para frear a expansión na área de Vigo, malia que entendía que a situación do país "non é mala" en termos xerais. No entanto, o fechamento perimetral mantense nos catro municipios afectados na actualidade e increméntanse os concellos con nivel alto e medio de restricións.

A Xunta anunciou a última hora desta terza feira que un total de catro concellos pasarán a estar fechados perimetralmente e coa hostalaría sen actividade a partir desta sexta feira ás 00 horas, momento no que tamén entrarán en vigor novas prohibicións noutras 34 vilas. Fíxoo despois de que se celebrase unha nova reunión de traballo da Administración galega cos membros do Comité Clínico que asesora sobre a evolución da pandemia no país.

Se ben as limitacións máis altas xa afectan a Cualedro, O Grove, Carballeda de Valdeorras e A Pobra do Caramiñal, semella que as e os expertos consideran que a situación epidemiolóxica non mellora, pois na medianoite desta sexta feira permanecerán en idéntica situación.

Por outra parte, no nivel alto -que implica menos capacidade na hostalaría, entre outras cuestións- quedarán Marín, Meaño, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Padrenda, Cortegada, O Barco, Rubiá, Lobeira, Muiños, Petín, Meira, Ribeira e Cambre.

Mentres que a maioría das localidades pasarán unha semana máis no nivel baixo, entran no chanzo medio Trabada, Barreiros, Lobios, Cartelle, Cambados, Catoira, Vilagarcía de Arousa, A Illa, Meis, Sanxenxo, Cangas, Gondomar, Ponteareas, Boiro, Rianxo, Carral, Muxía, As Pontes, Ortigueira e tamén Vigo, que de momento evita fechamentos perimetrais e medidas máis prexudiciais para a economía.

Así, a cidade olívica será a única das sete grandes urbes que teña un nivel restrictivo por enriba do baixo. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xa advertira esta segunda feira de que, malia que a situación epidemiolóxica en xeral na Galiza "non é mala", si había "preocupación" polos contaxios na área de Vigo. De feito, na vacinación masiva convocada na pasada fin de semana -que era tanto nesa cidade como noutros puntos da Galiza- faltaron numerosas persoas, se ben un dos presentes foi o alcalde, Abel Caballero, que animou á cidadanía a utilizar esta vía contra o coronavirus.

Con independencia desa ausencia da veciñanza convocada, García Comesaña avanzaba que todo facía prever a implantación de novas limitacións para frear esa afección da Covid-19.

Se ben está previsto que hoxe se explique polo miúdo o contido do encontro, alén da actualización dos concellos por niveis de restricións, o Comité Clínico non adoptou ningunha outra decisión. A semana pasada, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, indicaba que as medidas do desconfinamento serían progresivas e que terían un período de avaliación de dúas semanas.

O último dos pasos na desescalada entrou en vigor a pasada sexta feira, día 16, cando se implantou ás 23 horas o toque de recoller e se permitiu servir ceas, previa reserva, en locais de hostalaría con licenza de restaurante. Esta última medida está vinculada á obrigatoriedade de instalar no interior dos locais, e visíbeis, medidores de CO2 para garantir a calidade do aire. Unha norma que será obrigatoria a próxima sexta feira, día 23.

A situación “non é mala”

Ademais de falar dunha certa boa evolución a nivel global, onte o responsábel de Sanidade explicou que a situación non é "homoxénea" en toda a Galiza.

Así, advertiu, hai zonas que "están nunha situación francamente boa, moitos concellos con ningún caso que se manteñen, pero tamén hai concellos onde se está incrementado". Como noutras ocasións, fixo fincapé en que “se hai que dar algún paso atrás, por suposto, darase". E nesa mesma liña manifestábase o vicepresidente primeiro sobre a proba piloto para reabrir os negocios do lecer nocturno a partir de maio.

Segundo os datos transmitidos hoxe polas autoridades sanitarias, detectáronse nas últimas 24 horas 131 novos positivos, dos cales 105 foron detectados mediante PCR. Porén, realizáronse máis de 3.000 probas menos con respecto ao día anterior. Pontevedra e O Salnés, Vigo e A Coruña e Cee asumiron a maior parte dos casos novos, que manteñen a taxa de positividade diaria en rexistros similares aos de días anteriores, arredor de 1,6%, por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde fixa para dar por controlada a pandemia.