LUMES

Vigo respira, mais segue en alerta 

O fume inda segue presente na cidade [Foto: @mtarrago]

Sete focos de lume seguen activos. Os máis importantes afectan ao monte Alba e a serra do Galiñeiro. Un veciño de San Andrés de Comesaña de 70 anos perdeu a vida mentres enfrontaba as lapas.

Vigo respira. Despois dunha noite intensa onde o lume axexou o centro da cidade, con pequenos focos incendiarios na Praza dos Cabalos, a ladeira do monte do Castro ou o barrio de Navia, a choiva apareceu contra as 4 da madrugada e o vento amainou. As precipitacións foron escasas e a cidade abría os ollos coas rúas practicamente secas. No entanto, esa tregua do clima axudou a controlar e extinguir a meirande parte dos focos que afectaban zonas habitadas. Pero a tranquilidade é só parcial. A alerta continúa presente no ánimo da veciñanza que hoxe transita con rostro serio e triste. Seguen activos até sete focos. Os máis importantes incendian inda arestora o monte Alba e a serra do Galiñeiro, dúas áreas emblemáticas do cinto verde que envolve o casco urbano e axe de pulmón da cidade. Os operativos antiincendios continúa a traballar en distintos puntos das parroquias de Coruxo, Zamáns, A Madroa, Freixo, Fragoselo e Valadares.  

 

O lume cobrouse unha vítima mortal. Trátase dun veciño da parroquia de San Andrés de Comesaña, de 70 anos, que arredor das 22h caeu do muro no que se encaramara para axudar a unha veciña a frear as lapas que se aproximaban ás súas vivendas. Polo momento, unhas 25 persoas recibiron atención médica por causa da inhalación de fume. Durante a noite desaloxouse a unhas 400 persoas con carácter preventivo, segundo informaron fontes municipais. A metade realoxouse en diferentes hoteis habilitados.  A veciñanza comezou a retornar paseniñamente ás súas vivendas, conforme se extinguiron os focos que as ameazaban. 

 

A situación é de relativa normalidade. A factoría de PSA reiniciou a produción após suspender a quenda de noite por causa do fume. Os centros de ensino abriron, agás o colexio da Sobreira e o instituto de Valadares, inda que nalgúns se rexistrou unha menor afluencia de alumnado, especialmente crianzas de educación infantil. Os lumes complexizaron o deslocamento até a cidade olívica desde Ourense, o que impediu que persoal público se incorporase aos seus postos, afectando, entre outros, ao Hospital Álvaro Cunqueiro, que embora traballa con normalidade. 

 


Incendiarios

Inda sen esclarecer as causas concretas da vaga de lumes que asediaron a cidade, a hipótese dos lumes provocados é a dominante. Especialmente no caso dalgúns focos rexistrados en zonas céntricas da cidade, como a Praza dos Cabalos ou o monte do Castro, sen relación con outros lumes. A este respeito, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, cualificou en rolda de impresa esta mañá de “sorprendentes” estes focos. “Non obedecen á lóxica”, remachou.

 


Falla de medios e información

Unha das queixas da poboación é a evidente insuficiencia dos medios de extinción, malia se teren mobilizado todos os efectivos dispoñíbeis de bombeiros, policía local e protección civil. De feito, foi a veciñanza organizada a que, caldeiros en man, logrou frear o avance das lapas e mesmo sufocou os focos máis reducidos. “Non había medios. Achegouse un camión e dous bombeiros e tivemos que ser os veciños e veciñas quen tiramos das mangueiras”, explica para Sermos Galiza un veciño de Navia. Os improvisados operativos veciñais coordinábanse por mensaxería e redes sociais, e vivironse momentos de intraquilidade por causa da desinformación.

 

A denuncia da falla de medios non se limita ao operativo de extinción. As carencias en materia preventiva son tamén albo da crítica veciñal. “O que ardeu na Avenida de Europa ou no Castro foi maleza que leva semanas sen retirarse”, denuncian. As deficiencias no mantemento das zonas veredes da cidade é unha constante desde hai varios meses, e puido ter sido un factor que facilitou o prendido dos lumes no casco urbano. 

 

A falla de información actualizada e verificada por parte de fontes oficiais foi unha constante durante toda a madrugada. O Concello de Vigo limitouse a colgar no seu sitio web institucional un comunicado xenérico no que se chamaba á “serenidade e a calma” e na que se declaraban controlados os focos no casco urbano. Porén, ao tempo que o alcalde comparecía en varios medios de comunicación reiterando esa mensaxe, a veciñanza afanábase en combater a pé de rúa os lumes que se aproximaban ás súas vivendas. O rexedor non informou inda de que se se activou o plan de emerxencia municipal nin de que plans de contixencia puxo en marcha. Limitouse a reiterar que se mobilizaran todos os efectivos posíbeis. “Tivemos que informarnos a través de wasap e das redes” lamentaba outra veciña desaloxada de Navia. O Goberno local non habilitou ningunha canle oficial de comunicación.