Vigo mobilízase contra a "indefendíbel" suba da luz

Concentración convocada pola Federación Veciñal Eduardo Chao, na rúa Urzáiz de Vigo. (Foto: Alberte Mera)
A veciñanza viguesa concentrouse hoxe para protestar contra o recente incremento da suba da luz, unha cuestión que desde o colectivo convocante, Favec, consideran que privará moitas familias vulnerábeis dun "ben básico".

O pasado 1 de xuño entrou en vigor a nova factura eléctrica no Estado español, e, segundo apunta a organización de persoas consumidoras Facua, durante a primeira quincena do mes o prezo da luz subiu de media 45,4% a respecto do mesmo período de 2020. Aliás, e segundo as mesmas estimacións, o prezo por quilowatt e hora foi de 19,65 céntimos. De continuar nesta liña, xuño remataría cunha factura media que roldaría os 88,11 euros, o que a convertería na máis elevada da historia tras a rexistrada en xaneiro de 2012.

Contra este forte incremento mobilizáronse nesta quinta feira, diante do emblemático farol da rúa Urzáiz de Vigo, ducias de persoas convocadas pola Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao (Favec): "Parécenos indefendíbel. Tivemos numerosas queixas de veciños e veciñas que xa recibiran a factura de abril a xuño e agora chégalles outra co incremento", explica a Nós Diario a presidenta do colectivo, María Pérez González, que exemplifica esta suba co caso dunha persoa anciá "que paga 30 euros da factura e o incremento son outros 14".

Esta repunta do prezo da luz, salienta, tamén afecta os pequenos negocios, que teñen "dificultades" para afrontar este custo: "Sabemos dun caso no que o recibo é de 90 euros e sobe 59".

Pérez lamenta que a electricidade suba nun "momento crítico" por mor da pandemia da Covid-19: "Acabamos de pasar, ou máis ben seguimos inmersas, nun contexto de fechamentos e incremento do paro. Moitas persoas non teñen os ingresos suficientes para facer fronte a este incremento porque estiveron sen traballo ou nun ERTE, e as familias en risco de exclusión non van poder pagar por un ben que é básico".

"Pór a lavadora de noite non é unha solución"

As persoas cunha potencia contratada de até 15 quilowatts e subscritas ao mercado regulado da electricidade e o Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor (PVPC), ou do mercado libre se as súas compañías manteñen a estrutura das novas peaxes, verán os seus prezos fragmentados en tres períodos con diferente custo: horas punta, planas e val.

A este respecto, a presidenta da Favec considera que medidas como "pór a lavadora durante a madrugada ou na fin de semana" —horas val—, como aconsellou recentemente o Goberno estatal, "non son a solución".

"Agora falan de reducir os impostos e de axustar as horas, mais todo isto deberían telo pensado antes de subir a luz", cuestiona, en relación ao anuncio da ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, dunha posíbel suspensión "provisional" do Imposto á Xeración Eléctrica, que tributan as empresas enerxéticas.

Desde Favec anuncian que proseguirán a súa campaña contra a suba da factura eléctrica cunha nova mobilización na vindeira quinta feira, 24 de xuño, no mesmo emprazamento. Tamén levarán a cabo senllas charlas informativas polas diferentes parroquias de Vigo.