O BNG inicia unha campaña de recollida de sinaturas contra a suba da luz

A formación nacionalista urxe ao Goberno que Galiza teña unha rebaixa na súa factura.
Ana Pontón e Francisco Jorquera durante a recollida de sinaturas contra a suba da luz.
photo_camera Ana Pontón e Francisco Jorquera durante a recollida de sinaturas contra a suba da luz.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, iniciou a canda o portavoz municipal do partido na Coruña, Francisco Jorquera, unha campaña de recollida de sinaturas contra a suba do recibo da luz e o espolio enerxético.

En declaracións aos medios, Pontón afirmou que a iniciativa responde á necesidade de non permanecer "de brazos cruzados" ante decisións que afectan as familias e ás pequenas e medianas empresas, mentres "benefician unicamente ao lobby eléctrico".

A voceira nacional do BNG cualificou a suba da luz, oficial desde o primeiro de xuño, como "unha aberración", xa que Galiza é unha gran produtora de electricidade, ademais de denunciar que "se está programando unha invasión eólica na que vai gañar o lobby eléctrico e vai perder Galiza".

Pontón esixiu "medidas compensatorias" para Galiza pola súa capacidade produtiva e dixo que a cidadanía "ten dereito a unha tarifa máis baixa". Neste sentido, amosouse crítica co Goberno ao seguir a senda dos mandatos previos do PP, que "facían medidas políticas para as eléctricas e non para as maiorías sociais".

"Plantar cara"

Desde o BNG defenden a posta en marcha desta campaña como medida "para plantar cara a un feito que terá consecuencias negativas para a economía e para as maiorías sociais".

"Hai que dicir que xa está ben de subir a factura da luz, que xa está ben de portas xiratorias e que xa está ben de que se goberne sempre pensando no 'lobby' eléctrico e non na enerxía como un ben público cuxos beneficios debemos socializar", dixo Pontón.

A portavoz do BNG expuxo alternativas como "unha tarifa eléctrica galega" que abarate a factura ás familias e ás empresas. Pediu "unha rebaixa" no prezo do IVE e que se conciba a electricidade "como un ben público, prohibindo que a ninguén se lle corte a luz por non poder pagala, porque é un ben básico".

"Dereitos das persoas"

Para Pontón "os dereitos das persoas teñen que estar por encima dos dereitos das eléctricas" e considerou que se se baixa o prezo da electricidade conseguirase "un incentivo fiscal" para que as empresas se intalen na Galiza e xeren emprego.

Pola súa banda, Francisco Jorquera pediu á poboación galega a súa axuda para que esta recollida de sinaturas se converta "nunha campaña social para que se faga escoitar a súa voz e free este tarifazo".

Comentarios