Vigo limita o uso dos patinetes eléctricos e impón a obriga de levar casco e roupa reflectante

Presentación duns patinetes eléctricos en Madrid, o pasado outubro. (Foto: Europa Press)
A Xunta de Goberno local aprobou unha normativa reguladora que estipula que non se poderá circular con estes vehículos polas grandes vías do municipio. Tampouco estará permitida a mobilidade polas estradas interurbanas.

A medida que se estende o uso do patinete eléctrico na Galiza as cidades e vilas van tomando as súas medidas para regular a mobilidade neste medio de transporte. A última en aprobar unha normativa foi Vigo, cuxa xunta de Goberno local deu o visto e prace a un proxecto de ordenanza que limita o emprego do patín.

En concreto, segundo transcendeu esta terza feira, a norma estipula que quedará prohibido usar estes vehículos en grandes estradas da cidade, así como as de carácter interurbano.

Tamén estará limitado o emprego en zonas peonís, a excepción da área de Bouzas e o Casco Vello. Nestes lugares a velocidade máxima será de 10 km por hora e mantendo unha distancia de 1,5 metros en relacións a xente que vaia a pé.

As sancións, que poden chegar mesmo aos 500 euros en función da gravidade das infraccións, tamén poderán penalizar a falta de casco.

Neste sentido, o Concello quere que sexa obrigatorio que se leve casco e chaleco ou roupa reflectora para evitar riscos no tráfico.

Tamén se requirirá seguro de responsabilidade civil e certificado de circulación ou ter unha idade mínima de 15 anos.

Zonas vetadas

Por exemplo, entre as zonas onde será multado o uso de patíns están a Gran Vía -no tramo entre a rúa Venezuela e a Praza de América-, o avenida de Castelao, a de Citroën, Arquitecto Palacios ou a avenida de Madrid.

Outros puntos restrinxidos son os pasos soterrados e as beirarrúas.

Por seguridade

A velocidade estará controlada ao igual que o uso de auriculares ou teléfono móbil mentres se conduce. Igualmente, será motivo de sanción ir baixo os efectos de alcol ou drogas.