COVID-19

Vigo, á cabeza en contaxios, conta con policlínicos e hospitais fechados

Edificio do antigo Hospital Xeral de Vigo (Imaxe: HombreDhojalata)

O número de contaxios por coronavirus na área de Vigo aumentou 24% até chegar aos 633 casos positivos, segundo os últimos datos da Xunta. É precisamente esta a cidade que viu fechar máis centros sanitarios, entre eles o Policlínico Cíes e o Hospital Xeral.

Os datos fornecidos polo Sergas este sábado indican que o número de persoas infectadas con coronavirus na área de Vigo aumentou 24% e sitúase, así, á cabeza no número de contaxiadas e contaxiados, cun total de 633 casos positivos.

A área máis castigada polo coronavirus na Galiza é a que nos últimos anos viu como se fechaban máis centros sanitarios. Mentres a Xunta da Galiza, segundo informou o propio presidente, Alberto Núñez Feixoo, localiza hoteis que poidan servir para acoller persoas coa COVID-19 ante un eventual desbordamento de hospitais, o Policlínico Cíes está fechado. Podería albergar, segundo a plataforma SOS Sanidade Pública, 150 camas.

Tamén conta cunha boa infraestrutura o Hospital Psiquiátrico do Rebullón, que fechou en 2016. O Centro de Especialidades de Coia foi abandonado en 2015 e o da Dobrada en 2017. O feche máis emblemático foi o do antigo Hospital Xeral, que unha vez se puxo en marcha o Álvaro Cunqueiro, ficou inoperativo. A plataforma SOS Sanidade Pública pedira que os anexos fosen destinados a uso sanitario, mais o seu anexo 1 pasou a formar parte do proxecto da Cidade da Xustiza.

Estas infraestruturas sen utilizar suman un total de 517 camas. SOS Sanidade Pública empraza a Xunta de Galiza a telo en conta, posto que o Goberno galego asegurou que estaba en busca de hoteis para os habilitar con recursos sanitarios ante un eventual pico da pandemia.