Lembran á Xunta que anulou 517 camas só na área de Vigo

Edificio do policlíno de Cíes, sen actividade sanitaria desde 2016 (Imaxe: Hombredhojalata CC BY-SA 2.0)
O Goberno galego anunciou a procura de estabelecementos hoteleiros para un posíbel traslado de doentes e a asociación en defensa da sanidade pública lembra os centros de Vigo que permanecen sen actividade.

"As camas son importantes nos hoteis e non tanto nos hospitais", afirmou en 2016 o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, para defender a decisión da Xunta da Galiza de pechar camas en centros hospitalarios no verán.

Tras aquelas declaracións e o anuncio do 18 de marzo da Xunta, informando da procura de hoteis para asumir a hospitalización de pacientes durante a crise xerada pola COVID-19, sitúanse dous contextos moi diferentes. E, segundo a Asociación Galega para a defensa da sanidade pública, de non terse aplicado o primeiro posicionamento hoxe a necesidade de estabelecementos hostaleiros sería menor.

Nun comunicado, o colectivo debulla datos relativos a área sanitaria de Vigo. "No hospital Álvaro Cunqueiro estaba prevista a apertura de 394 camas, despois cancelada, no de Meixoeiro perdéronse 71 prazas, cuxo peche foi denunciado pola xunta de persoal do centro, e no de Nicolás Pena, 52", segundo aseguran as súas integrantes.

A capacidade inicialmente no proxecto do Álvaro Cunqueiro era maior da construída, cunha redución de máis de 80.689 metros cadrados dunha superficie de 172.000 metros cadrados construídos. "Na unidade de críticos hai 45 camas, en troques das 160 previstas e na de urxencias suprimíronse 72", din.

Peche de edificios

Na área viguesa, as aperturas do hospital de Meixoeiro ou o Álvaro Cunqueiro derivaron no peche do Policlínico de Cíes e dos centros de especialidades de Coia en 2015 e Dobrada en 2017. No eido da saúde mental, permanecen abertas as portas do centro de Conxo, en Compostela, despois de que pecharan os psiquiátricos de Toén e Castro en 2011 e, en 2016, o do Rebullón en Mos.

Hoxe, o antigo Hospital Xeral de Vigo está sendo reconvertido na Cidade da Xustiza. Outros hospitais xerais ficaron no camiño por deficiencias estruturais, como o de Compostela, ou o de Lugo, xa derruído. E a xerente da área compostelá, Eloísa Núñez, tamén preveu o abandono do hospital Gil Casares. "Apoiamos e colaboramos coas medidas e recomendacións do Sergas e do Ministerio de Sanidade", asegura a asociación, "pero este apoio non debe encubrir e silenciar as políticas que dificultan afrontar a crise".