Vigo adianta o apagado das luces de Nadal ao próximo domingo como "xesto" para aforrar enerxía

Miles de persoas visitaron Vigo a conta do alumeado do Nadal. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
A cabalgata de Reis, por outra parte, percorrerá o día 5 as rúas da cidade para desembocar na porta do Sol ás 17.30 horas após ficar estática na avenida de Castelao durante a mañá.

Adeus prematuro ao alumeado vigués. O alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, anunciou esta terza feira que se apagarán o vindeiro domingo, día 8 de xaneiro, as luces de Nadal, adiantando así a data unha semana en comparanza con anos previos co obxectivo de "aforrar enerxía".

Tal e como indicou o rexedor en rolda de prensa, este adianto permitirá realizar un "xesto" por razóns enerxéticas, que se une a outras medidas tomadas polo Goberno local, como atrasar o aceso todos os días media hora —até as 18.30 horas— ou adiantar o apagado diario outra media hora —ás 00.30 horas— a respecto de exercicios precedentes.

A pesar de que Caballero reivindicou que as luces de Nadal de Vigo non consomen "practicamente nada" xa que son LED, o Concello pretende así colaborar na redución do consumo enerxético que solicita Europa nun momento de escaseza enerxética.

Desta maneira, prevese que o acto oficial do apagado do Nadal de Vigo 2022-23 decorra a partir das 20 horas na porta do Sol, onde está instalada a árbore xigante. O alcalde indicou que será un evento "sinxelo" e cheo "de emoción", polo que convidou todos os vigueses e viguesas a asistiren para despedirse do Nadal e comezar a conta atrás para preparar o do ano que vén.

Non acender as luces nestas festas non foi unha opción en ningún momento, pois, preguntado por esta cuestión o pasado mes de setembro, Caballero asegurou que, no caso de non instalalas, "gañaría Putin".

Cabalgata de Reis

Pola súa parte, o rexedor tamén se referiu á cabalgata de Reis de Vigo, que ficará estática na avenida de Castelao a vindeira quinta feira, día 5, desde as 11 até as 15 horas, e percorrerá as rúas da cidade até a porta do Sol a partir das 17.30 horas.

Neste senso, chanceou con que os Reis e mais os seus axudantes terán un "certo parecido" con algúns representantes do colectivo asociativo da cidade, como Jesús Sotelo, presidente da Comisión de Festas de Santa Ana de Beade, ou Enrique Lorenzo, presidente da Federación de Bandas de Música Populares de Vigo, entre moitos outros.

Caballero insistiu nos datos "históricos" do Nadal de Vigo, que supuxo a chegada á cidade de miles de persoas procedentes do resto da Galiza e de diferentes puntos do Estado español, así como de varias cidades portuguesas.