VÍDEO

"Un tras outro", as Urxencias do CHUS volven sufrir un novo colapso

Padiolas nos corredores do CHUS (Foto: Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS).
O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, declarou que a vaga de gripe está “normalizada con descenso de casos nos hospitais e nos servizos de urxencias”, algo que rexeitan desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS.

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, declarou que a vaga de gripe está “normalizada con descenso de casos nos hospitais e nos servizos de urxencias”. Non obstante, desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, indican que “a realidade constatada de modo reiterado polos feitos concretos demostran que con vaga de gripe ou sen ela o servizo de urxencias do CHUS está en estado permanente de colapso e os pacientes graves seguen sendo colocados nos corredores de acceso agardando horas a ser atendidos”.

Segundo esta asociación, na segunda feira día 15 de xaneiro ás 12.40 horas “10 pacientes graves estaban ‘aparcados’ nos corredores en padiolas e cadeiras de rodas agardando que quedaran libres as zonas de atención. A esa mesma hora, nada mais e nada menos de 61 persoas co ingreso hospitalario asinado estaban ocupando as zonas de traballo en espera de acceder a unha cama en planta”.

“Catro horas mais tarde seguían sendo 61 as persoas as que, co ingreso en planta asinado, estaban agardando por unha cama e os corredores de acceso se abarrotaban de pacientes graves chegando a ser 20 postrados en padiolas e en cadeiras de rodas”, acrecentan.

Camas fechadas

Para alén diso, manifestan que de acordo cos datos publicados pola xerencia do CHUS na súa páxina web, nas últimas 24 horas foron atendidas 551 persoas. O número de camas ocupadas foi de 945 quedando fechadas 566 por falta de persoal necesario para atendelas e drenar a acumulación de pacientes aparcados en urxencias, dentro dos límites temporais fixados no ano 2010 nos estándares de calidade aprobados polo Ministerio de Sanidade. E isto sen contar cas 73 camas do hospital Xil Casares que levan meses fechadas debido a demora nas obras de reparación e conservación.”

“Lamentabelmente, a realidade crúa dos feitos imponse sobre os relatos construídos para banalizar e normalizar o maltrato asistencial e evadir as responsabilidades nas cales se incorre cando se fai desleixo das funcións atribuídas legalmente e deixa de ampararse os dereitos fundamentais das persoas enfermas”, engades desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS.