Sanidade pública

Até nove horas de espera nas Urxencias do CHUS: "Non atenderon o meu pai, dependente, até as 3h da mañá"

O conselleiro de Sanidade, García Comesaña, segundo pola dereita, nunha reunión onte en Lugo coa Cruz Vermella. (Foto: Xunta da Galiza).

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, deu esta segunda feira por “normalizada” a situación creada polos contaxios de gripe. Porén, as urxencias hospitalarias seguen colapsadas. Malia que a incidencia da epidemia ten caído na última semana, os ingresos de pacientes, son elevados. Non obstante, a Xunta da Galiza mantén fechadas centos de camas nos hospitais galegos.

O Centro Hospitalario Universitario de Compostela (CHUS) é un caso paradigmático da situación de colapso das urxencias hospitalarias na Galiza. Segundo os últimos datos ofrecidos pola Xerencia da área sanitaria de Compostela e O Barbanza, referidos a 14 de xaneiro, nesa xornada pasaron polas urxencias do CHUS 415 persoas, 323 adultas e 92 crianzas. Ao tempo, 48 destes pacientes requiriron ser internados, ascendendo a 868 o número total de ingresados.

A Xerencia da área sanitaria de Compostela e O Barbanza, dirixida por Eloína Núñez, curmá do anterior presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, mantén fechadas neste contexto de máxima tensión hospitalaria 647 camas no CHUS. A decisión complica a resposta ante a epidemia de gripe e explica en boa medida a situación de colapso que enfronta o centro. Neste sentido, o presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, Fernando Abraldes, explica a Nós Diario que “o problema do colapso nos hospitais galegos é de carácter estrutural”.

A facultativa do servizo de Urxencias do CHUS Fátima Nercellas, denunciaba o pasado 13 de xaneiro  que “estamos nun punto no que a sanidade da área está en ruínas como o Gil Casares. Todo paciente que intente cita no seu médico, en consultas, para probas ou para cirurxía, sábeo”. Asemade, alertaba en relación co CHUS de que “a estas urxencias trasládanse, para almacenarse, ingresados do hospital do Barbanza que alí non caben e incluso de plantas de outros hospitais, como o de Cee”. Neste punto, denunciaba: “Hai uns días atópome tirada no corredor de entrada unha paciente ingresada de alí e que fixo episodio de arritmia. En vez de xestionar cama en planta, tírana no corredor da entrada de urxencias”.

48 horas agardando en Conxo

As queixas de acompañantes e de pacientes pola situación vivida nas Urxencias do CHUS son numerosas. Así, por exemplo, María Sol Murujosa, nai dun paciente ingresado o día 10 de decembro de 2023 no centro compostelán, criticaba nas redes sociais da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS que “as Urxencias colapsan máis porque non hai camas libres suficientes, entón os pacientes que teñen que ser ingresados, como foi o caso do meu fillo, pasan 48 horas agardando por unha cama en Conxo”.

Na mesma liña, afirmaba que o acontecido “co  traslado xa nin quero pensalo. Non había ambulancia para levalo até que o pobre cansou e pediu a alta voluntaria porque non aguantaba máis deitado nunha cadeira de brazos, con tanto ruído e co mal que estaba despois de ter sufrido un ictus hai dous anos”.

María Luz García entrou co seu pai en Urxencias do CHUS ás cinco do serán do pasado 26 de decembro. Porén, non recibiu atención até 10 horas máis tarde. Neste sentido, denunciaba en Facebook que “o día 26 estivemos co meu pai no CHUS, chegamos sobre as cinco da tarde, non había cadeira de rodas para baixalo do coche, tivemos que esperar por unha”, e continuaba que “até as 3 horas da mañá non nos deron padiola nin lle fixeron ningunha proba; nove horas estivo meu pai na cadeira”.

García remataba afirmando que é “unha persoa dependente, con secuelas de ictus", e alí "botou nove horas sentado". "E como el a inmensa maioría, pois sobre todo era xente maior, algúns con demencia, e botaron horas e horas alí. Foi absolutamente indignante e vergonzoso", censurou.

Protestas na Mariña e na Fonsagrada

O malestar polos recortes sanitarios é evidente en toda a Galiza. Neste sentido, a veciñanza da Fonsagrada volveuse mobilizar esta segunda feira pola falta de persoal médico no centro de saúde da localidade.Pola súa parte, a Plataforma Sanitaria da Mariña convoca una concentración para o 21 de xaneiro no concello de Lourenzá para reclamar o retorno da asistencia pediátrica ao centro de saúde da localidade.