[VÍDEOS] Sucédense as críticas polo algareo dos peregrinos: "As veciñas somos 'atrezzo' da súa experiencia mística"

Cabalos diante da Igrexa de Salomé. (Foto: @seriologa / Twitter)
Cabalos 'aparcados' no casco histórico de Santiago de Compostela, grupos de centos de persoas cantando e berrando polas rúas desde primeira hora da mañá... A veciñanza protesta pola grande afluencia de peregrinos, que está a bater todos os rexistros históricos por mor da extensión do Ano Xacobeo a 2022.

A fin das restricións sanitarias por mor da pandemia da Covid-19 disparou as peregrinacións a Santiago de Compostela logo de dous anos nos que os rexistros baixaron. De feito, o pasado 24 de xullo selou a 'Compostelana' na Oficina do Peregrino o camiñante número 200.000. Nunca antes se alcanzara a estas alturas do ano esa cifra.

Esta afluencia masiva de peregrinos e peregrinas, impulsada pola prolongación do Ano Xacobeo até decembro de 2022, está a provocar as queixas de veciñanza picheleira por mor do ruído e a ocupación das rúas.

Sucédense nas redes sociais as imaxes de grupos de gran tamaño de peregrinos cantando e berrando, mesmo obstaculizando o tráfico, desde as primeiras horas da mañá polo casco vello da cidade.

Unha usuaria de Twitter denuncia que tres cabalos ficaron 'aparcados' diante da Igrexa de Santa María de Salomé, en pleno centro histórico, cuxa conservación motivou a declaración de Compostela como Patrimonio da Humanidade.

Mais non só se producen estas circunstancias nas rúas máis céntricas, senón que os cánticos poden escoitarse a varios quilómetros de distancia. "As veciñas somos atrezzo da súa experiencia mística", lamenta outra persoa nas redes sociais.

Decálogo de boas prácticas

Varios colectivos veciñais de Santiago situados na entrada á cidade polo Camiño Francés levan tempo denunciando a multiplicación de persoas peregrinas que transitan polos barrios sen ter en conta a vida diaria da súa poboación.

Por este motivo realizaron un "Decálogo de boas prácticas" que distribuíron por este último treito do camiño. Nel piden “respectar os nosos espazos e as nosas formas de vida” e que a euforia pola chegada “non interfira nos nosos ritmos de vida”. Indican que “os berros e os cánticos a voces alteran o noso descanso e son desagradábeis”.